Este ano, A Veiga deu un paso máis no seu Nadal Enxebre, combinando tradición e luces que destacan o traballo artesanal dos veciños e veciñas. As decoracións, feitas principalmente en madeira, enchen de cor e imaxinación as rúas e prazas do municipio.
Na praza do Concello, baixo luces brancas en forma de haima, atópase o trineo de Papá Noel, estrelas xigantes de Nadal e pequenas casas, todas elaboradas en madeira polos propios veciños.
Enfronte, un nacemento tamén artesanal presenta aos Reis Magos e ao misterio, acompañados de ovellas e pastores, e ata un can. O nacemento debaixo da rocha recrea o pesebre onde naceu Xesús, mantendo o espírito tradicional da celebración.
A rúa que conduce ao Meniñeiro sorprende aos visitantes con pequenos seres e animais feitos á man, como nomos, ourizos escondidos e casas de paxaros, creando un percorrido cheo de detalles que convidan a descubrir cada recuncho do pobo.
Na entrada do municipio, na rotonda un home guía aos bois que tiran dun carro, mentres os cervos xogan pola herva, todas as figuras son de madeira.
Noutra das rotondas, un tren de madeira con ananiños vestidos con tea de saco e gorros adornados con flores de cores dá a benvida a veciños e visitantes.
Unha escea onde se representa a escea da malla loce nunha das rúas, non lle falta de talle. Por ter ata ten un palleiro, e non falta a sega do centeo.
Un ano máis, este Nadal Enxebre é o resultado da colaboración veciñal, o uso de materiais naturais como madeira e ramas de bosque e, sobre todo, da imaxinación que transforma A Veiga nunha vila máxica durante estas festas.
A iniciativa, que combina tradición, creatividade e participación cidadá, consolídase como un atractivo anual que non só ilumina o pobo, senón que tamén fortalece o vínculo comunitario e o espírito das festas.
