A Veiga puxo o broche final a este Entrudio coa VI edición da Xutanza de Fulións. Nesta tarde de 17 de febreiro, apenas catro días despois do seu día grande, déronse cita arredor de 600 persoas contando solo as que participaban nas distintas agrupacións que asistiron ata aquí.

O percorrido, como xa é costume, comezaba na rotonda primeira segundo se entra no municipio —todas as agrupacións reuníronse ao lado da Residencia de Maiores—. Os anfitrións eran os encargados de dar os primeiros toques arredor das 16:00 para dar comezo o desfile.

Os fulións que asistiron foron nesta orde: Penouta e Ramilo, Tameirón, Piñeiro, Petín, Cabo da Vila, As Maceiras, Fradelo, Buxán, Os Labregos, Carracedo da Serra, Bembibre, Chandrexa de Queixa, Vilariño e, por último, Mormentelos. En total, 14 agrupacións foron invitadas a esta VI edición.

Rematado o percorrido, todas as persoas invitadas quedaron na Praza do Cuartel da Garda Civil para tocar entre todos xuntos os diferentes toques. Tras este momento, era hora de poder recuperar forzas. Dende a Asociación Cultural "O Son de Trevinca" tiñan organizada unha merenda con pinchos elaborados por todos os membros do fulión. Iso si, a «troula» non faltou en ningún momento.