miércoles. 18.06.2025

Este sábado o Centro de Interpretación de Trevinca abrirá as súas portas por primeira vez

portada

O vindeiro sábado inaugurarase o Centro de Interpretación de Trevinca en Ponte, A Veiga. Ao acto de presentación deste novo centro acudirán a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro -encargada da inauguración-, así como a Deputada de Turismo Ana Villarino.

A presentación deste novo centro contará coa intervención do Prof. Valeriá Paül (USC), que fará unha explicación detallada dos paneis informativos, elaborados pola súa equipa de traballo. O acto estará amenizado coa intervención das agrupacións musicais municipais.

Será o único centro de interpretación de toda Galicia que organizará actividades de montaña de maneira permanente. Para elo, A Veiga contará cun monitor especializado en deporte de montaña que organizará paquetes de actividades dous fins de semana ao mes. O alcalde de A Veiga, Juan Anta, anunciou que para as 3 primeiras visitas a Trevinca xa están prácticamente esgotadas todas as prazas. A reserva destas rutas pode facerse a través do propio monitor no centro de interpretación, na oficina de turismo ou no propio concello.

O pasado ano o concello investiu 90.000 euros na reabilitación e acondicionamento desta antiga Casa-Escola de dous andares e máis de 50.000 euros para homologar os primeiros sendeiros de montaña de Galicia.

Juan Anta anunciou, ademais, máis inversións en turismo e deporte.

Por outra banda, o goberno municipal traballa tamén nun proxecto relacionado co Centro Apícola de Prada para mellorar as súas características. Espérase que estea todo listo para os meses de xullo e agosto, na época natural da produción de mel.

O pasado martes 9 de maio, o rexedor veigués mantivo unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na que acordaron colaborar na mellora da rede de abastecemento do municipio. Para iso será necesario enviar un informe a Augas de Galicia sobre a situación da rede de abastecemento para analizar e estudar as posibles actuación que ofrezan as mellores solucións. "Onte estivemos facendo varias valoracións, porque temos que encaixar o orzamento da propia conselleria e o noso e ver de qué magnitude é a obra. Estudaremos a financiación nas próximas semanas e creo que neste prazo teremos unha boa resposta dada a receptividade que mostrou onte", explicou Anta.

Durante a xuntanza puxeron sobre a mesa distintas obras que o Concello de A Veiga quere levar a cabo. como a relacionada co depósito e o saneamento das augas do municipio, a construción de parques infantís ou o asfaltado dalgunhas estradas. "Intentaremos cerrar obras en 6 ou 8 pobos nas próximas semanas", afirma o rexedor, que recollece que están a traballar nunha gran obra da que aínda non poden adiantar nada porque están negociando a financiación con Consellería e Deputación.

Xa a finais de ano, en setembro ou outubro, o concello -en colaboración coa Confederación e Deputación-, comezará a traballar na construcción da ponte de Xares e na reforma en Ponte, así como na limpeza do río. "Eu calculo que este ano imos facer 10 obras en 10-12 pobos e ao longo das próximas semanas concretaremos todos eses proxectos que antes eras só memorias", asegura o alcalde.

Este sábado o Centro de Interpretación de Trevinca abrirá as súas portas por primeira vez