
Al-Majisti é o nome do festival que vai celebrarse do 17 ao 19 de maio na Veiga. Este certame propón un diálogo entre literatura, astronomía e música cun programa presentado hoxe 9 de maio na Delegación Territorial da Xunta en Ourense. En dita presentación participaron o alcalde da Veiga, Juan Anta; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o director da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez.
Segundo explicaba o delegado territorial, este festival pretende «converterse nunha das citas máis importantes da provincia e está dirixido aos amantes da astronomía, da novela histórica, música folk galega pero tamén ao público en xeral». No programa atópanse citas como encontros con autores, observacións astronómicas e concertos.
O nome Al–Majisti é o topónimo árabe traducido como «o máis grande, o grande tratado» e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos. Por iso o festival ten como eixes centrais a Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Programación
Por unha banda haberá encontros literarios con diferentes autores que asinarán as súas obras para distribuilas entre os asistentes. No eido musical, están previstas as actuacións de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre Coanhadeira.
As observacións astronómicas serán guiadas por Óscar Blanco Varela, director do CAT —Centro Astronómico de Trevinca—; e as conferencias versarán sobre o Real Observatorio da Armada, o Museo Casa-Colón de Valladolid, a Fundación Starlight, o Planetario de Pamplona ou o Consello da Cultura Galega.
Haberá ademais unha ludoteca para nenos na Biblioteca Municipal e actividades infantís.