sábado. 31.05.2025

Tres días de literatura, música e astronomía na Veiga

O festival Al-Majisti vaise celebrar no municipio o 17, 18 e 19 de maio con conferencias, encontros con autores, observacións astronómicas e espectáculos musicais
Tres días de literatura, música e astronomía na Veiga.

Al-Majisti —verba en árabe que significa o máis grande— é o nome do novo festival literario que se vai ter lugar na Veiga. Nome que coincide ademais coa nomenclatura do tratado astronómico de Claudio Ptolomeo, «empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos». 

Isto xa dá unha pista sobre un dos elementos do festival: a astronomía. Os outros dous eixos serán a literatura e a música. Durante os próximos 17, 18 e 19 de maio —coincidindo coa fin de semana das Letras Galegas— A Veiga acollerá conferencias, encontros con autores, observacións astronómicas e actuacións musicais

Cada día do festival versará sobre un tema. O primeiro, 17 de maio, estará dedicado a Ptolomeo, á navegación astronómica, a Cristóbal Colón e a outros descubridores. O segundo día será para Afonso X o Sabio e a Violante de Aragón. E xa a terceira e última xornada do festival será o día dedicado a Galicia, onde «abordarase a figura de Cristóbal Colón galego e Afonso X e Ourense».

Programación variada

Por unha banda haberá encontros literarios con diferentes autores que asinarán as súas obras para distribuilas entre os asistentes. No eido musical, están previstas as actuacións de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre Coanhadeira.

As observacións astronómicas serán guiadas por Óscar Blanco Varela, director do CAT —Centro Astronómico de Trevinca—; e as conferencias versarán sobre o Real Observatorio da Armada, o Museo Casa-Colón de Valladolid, a Fundación Starlight, o Planetario de Pamplona ou o Consello da Cultura Galega.

Un festival que «está dirixido aos amantes da astronomía, da novela histórica e aos seguidores da música folk galega. Tamén ao público xeral que queiran coñecer aos autores». Haberá ademais unha ludoteca para nenos na Biblioteca Municipal e actividades infantís

Tres días de literatura, música e astronomía na Veiga