
O Centro de Explotación Apícola de A Veiga conta con 37 persoas que están recibindo formación específica para desenvolver o seu negocio arredor do produto estrela: o mel.
A "fábrica" -como se refire o deputado e alcalde de A Veiga, Juan Anta, ao centro apícola-, aínda non está traballando, xa que o período natural de elaboración do mel non comeza ata os meses de agosto e setembro, pero os apicultores xa están recibindo a formación necesaria para desenvolver este produto. Agora, ademais, o Concello contratará a unha persoa que individualmente asesore a cada un dos apicultores sobre onde é mellor colocar as colmeas ou qué procedemento é o máis adecuado ás súas condicións. "Estamos moi contentos porque é algo novidoso e trátase dun proxecto que está ilusionando moito á xente”, asegura Anta.
A marca de calidade do mel xa está solicitada e agora o Concello está a espera da resposta do Rexistro de Patentes para que confirme que o nome solicitado é viable. Unha vez sexa aceptado, os produtos apícolas estarán amparados baixo a marca"Montañas de Trevinca", que se etiquetará en todos os envases, xunto coa marca propia de cada apicultor.
Juan Anta afirmou tamén que, co afán de seguir apoiando a formación destes apicultores, complementarán o Centro Apícola de Prada cunha nova máquina que actualmente demandan os expertos no sector, sendo necesaria para rematar o proceso de elaboración do mel.
Unha vez conseguida esta marca de calidade, o Concello comezará a traballar na marca de calidade da carne, sendo este outro dos obxectivos prioritarios. "Nun período de dous meses e medio poderemos comezar con este outro proxecto, para poñer tamén en valor o noso produto cárnico", explica o alcalde.
Por outra banda, está previsto que o Centro de Interpretación de Ponte se inaugure o vindeiro día 13 de maio. Acto ao que asistirá a directora xeral da Axencia de Turismo de Galicia e que estará amenizado polo Coro Municipal e a Banda de Saxo de A Veiga.
A través deste Centro de Interpretación levarase a cabo un plan de actividades para todo o ano, organizando distintas rutas guiadas relacionadas coas montañas e a paisaxe de Trevinca. Estas rutas xa cumpren con todos os requisitos de sinalización e limpeza esixidos por Confederación, só falta a homologación dun técnico
En orde a incentivar o turismo na localidade, o Concello de A Veiga regalará aos hostaleiros do pobo dúas fotografías -resultado do concurso de fotografía que o organismo municipal organizou fai uns meses- con paisaxes turísticas de A Veiga para que adornen os seus establecementos.
Anta anunciou tamén que o vindeiro día 2 de maio comezará un obradoiro de cociña que terá lugar tres días a semana, pensado para mellorar a formación de todos os hostaleiros da localidade.