sábado. 21.02.2026

A Veiga converterase este sábado no epicentro do Entrudio tradicional coa VIII Xuntanza de Fulións

A Rúa Nova permanecerá cortada ao tráfico durante toda a xornada, desde o Concello recoméndase estacionar na estrada OUR-CV-2 a entrada da vila
somoscomaca_entroido_viana_festadaandrolla (50)

A Veiga vivirá este sábado 21 de febreiro unha das xornadas máis intensas e multitudinarias do seu calendario festivo coa celebración da VIII Xuntanza de Fulións, un encontro que xa se consolidou como o gran peche do Entrudio tradicional no oriente ourensán.

Organizada pola Asociación Cultural O Son de Trevinca coa colaboración do Concello, a xuntanza reunirá 16 fulións e 7 grupos de máscaras procedentes de distintos puntos da provincia, convertendo a vila nun escenario vivo onde tradición, identidade e comunidade se darán a man.

A programación comezará ás 15.30 horas coa apertura dunha feira de produtos gastronómicos locais e artesanía entre a Praza do Concello e a Praza do Campo. O desfile arrancará ás 15.50 horas desde a rotonda de entrada coa saída do Fulión de A Veiga, anfitrión do encontro, que percorrerá a Rúa Nova ata o Campo da Feira.

Ao longo da tarde sucederanse agrupacións emblemáticas como As Tablillas, Petín, Buxán, Penouta e Ramilo, O Tameirón, O Piñeiro, Cabo da Vila ou O Fiadeiro. Ás 16.40 horas incorporarase a recreación do “Oleiro” xunto ás Pantallas de Xinzo de Limia, unha das máscaras máis recoñecibles do Entroido galego.

Non faltarán tampouco os Cabreiros de Muíños, os Follateiros de Lobios, os Peteiráns de Freás, os Danzantes e Vellos de Vilameá, os Vellarróns de Riós nin os Felos de Maceda, que pecharán o desfile arredor das 19.20 horas antes do tradicional acto simbólico da “Morte”, momento que escenifica o final do Entroido ata o vindeiro ano.

Tras o desfile, os grupos compartirán cea no pavillón municipal, reforzando o espírito de convivencia que define esta celebración, e a partir das 22.30 horas continuará o ambiente festivo con música.

Afectacións ao tráfico e aparcamento

Con motivo da xuntanza, a Rúa Nova permanecerá cortada ao tráfico durante toda a xornada do sábado. Desde o Concello recoméndase estacionar na estrada OUR-CV-2 —vía de entrada á vila—, así como na rúa Entrecaldeiras, fronte ao pavillón municipal, e no pasaxe de Covelo.

Os autobuses dos grupos participantes poderán utilizar o aparcadoiro do colexio e os vestiarios do ximnasio municipal, garantindo unha organización fluída dun evento que mobilizará a centos de persoas.

Con esta oitava edición, A Veiga reafirmará o seu compromiso coa preservación do patrimonio cultural inmaterial e situarase, unha vez máis, como referente do Entrudio tradicional no territorio de montaña de Trevinca.

A Veiga converterase este sábado no epicentro do Entrudio tradicional coa VIII Xuntanza...