jueves. 28.03.2024

A Deputación porá un marcha un proxecto piloto en A Veiga utilizando intelixencia artificial e redes neuronais para detectar anomalías no monte

A Deputación porá un marcha un proxecto piloto no Concello da Veiga utilizando intelixencia artificial, o Internet das cousas e as aplicacións dos sistemas de redes neuronais para detectar no monte anomalías de humidade e temperatura.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, o alcalde da Veiga, Juan Anta e o experto en Intelixencia Artificial Pablo Sánchez González, deron a coñecer un novidoso sistema de detección de incendios forestais aplicando tecnoloxía cerebral para a prevención e lumes.

«Trátase de que por medio de telemetría estas variables poidan ser monitorizadas en tempo real a través de sensores colocados en árbores para a detección prematura de lumes; trátase dunha tecnoloxía pioneira que aplicaremos na provincia de Ourense», asegura Manuel Baltar, quen destaca que este é un paso máis na estratexia do goberno provincial a prol da defensa do noso medio ambiente, aplicando tecnoloxías vangardistas
englobadas nas iniciativas de “Ourense, provincia Intelixente”.



«En materia de prevención de lumes a rapidez na detección é un factor clave para reducir os tempos de resposta dos equipos anti-incendios -expresa Baltar- e con esta tecnoloxía daremos un salto cualitativo espectacular no ámbito da detección de lumes, pois teremos no móbil, ao instante, información relativa ao estado dos nosos montes, o que nos
permitirá actuar de inmediato se os sensores detectan algunha anomalía».

O presidente do goberno provincial sinala que se trata «de tomarlle o pulso aos bosques a través de dispositivos electrónicos de hardware libre para dispoñer de medidas en tempo real das magnitudes que máis información aportan para a detección e prevención delumes como son: temperatura, humidade ou concentración de monóxido de carbono».


Malla de sensores no bosque


O obxectivo é montar unha rede de dispositivos interconectados que manden esta información de maneira instantánea á “nube”, para ser posteriormente procesada e con técnicas de Intelixencia Artificial (redes neuronais, detectores de anomalías ou predición de series temporais) detectar pequenas perturbacións que indiquen a presencia dun lume
cando aínda é non é detectable por outros medios. Desta maneira, os sensores conéctanse a un microcontrolador alimentado por enerxía solar e o seu sinal envíase por radiofrecuencia a través dunha conexión 4G. Así se consegue ter unha malla de sensores no monte que envíen medidas en tempo real.


A recollida e almacenamento dos datos permitirá realizar, posteriormente, estudos estatísticos, que darán lugar a un mellor coñecemento do medio forestal, e o contraste deste datos cos recollidos por estacións meteorolóxicas permitirá extraer conclusións acerca das zonas máis sensibles de risco de incendio.




Unha vez realizada a primeira implementación do sistema será posible crear unha aplicación que permita consultar toda a información de maneira sinxela e accesible. Poderanse configurar alertas e diversas formas de comunicación que facilitarían a tarefa para responder de maneira coordinada. Iso permitiría centralizar os diferentes servizos de extinción para que todos contasen con información actualizada do estado da situación.

Os creadores do proxecto, Pablo Sánchez González e Miguel Otero Pedrido, afirman que unha vez implantado o sistema poderase, asemade, trazar o camiño máis curto para chegar ao lugar do lume -xeolocalizado a través das coordenadas dos sensores-, e tamén coordinar aos equipos de extinción, e desenvolver un sistema que alerte das zonas que polas súas características supoñan un maior risco.

Intelixencia artificial para detectar lumes na Veiga