viernes. 31.03.2023

O GES da Veiga-Viana recibirá da Xunta unha furgoneta de servicios varios

Entre eles distribuiranse furgonetas de servizos varios, camións tipo Bomba Rural Pesada e equipos de excarceración. As novas dotacións ourensás suman un investimento superior aos 812.000 euros

portada_somoscomarca_aveiga_ges_emergecias_2021-12-16
O GES da Veiga-Viana recibirá da Xunta unha furgoneta de servicios varios

A Xunta reforzará o equipamento de emerxencias dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da Veiga e Viana, do que atende a zona Viana-Verín, con sede na Gudiña, e do de Ribadavia, así como do servizo municipal Terras de Celanova. Os dous primeiros recibirán cadansúa furgoneta de servizos varios, e o de Ribadavia e o servizo municipal Terras de Celanova, un camión tipo Bomba Rural Pesada (BRP). Este último terá a maiores un equipo de excarceración. As novas dotacións ourensáns suman máis de 812.000 euros.

As furgonetas de servizos varios que recibirán os GES da Veiga e Viana e da Gudiña teñen un custo unitario de 109.293 euros. Trátase de vehículos 4x4 cos que acceder a todo tipo de zonas e cunha cisterna de 450 litros de auga. Pola súa banda, os camións tipo BRP destinados ao Ges da subzona do Ribeiro, con sede en Ribadavia, e ao servizo municipal Terras de Celanova teñen un custo superior aos 240.000 euros cada un deles. Con tracción integral 4x4 e cunha cisterna de auga de capacidade de 3.500 litros de auga para intervir na extinción dos lumes, este vehículo permite o acceso a todo tipo de zonas, desde terreos urbanos, a estradas secundarias en áreas rurais e pistas forestais ou camiños.

Por último, os equipos de excarceración destinados tamén ao servizo Terras de Celanova e ao GES de Muíños que atende a zona da Baixa Limia, están valorados en 57.000 euros e destinaranse a tarefas de rescate e outras actuacións en emerxencias. A Xunta facilita así o material preciso para atender accidentes de tráfico con persoas atrapadas, rescates en espazos confinados ou outras estruturas colapsadas.

Cómpre lembrar que a Xunta aprobou a finais do pasado decembro a sinatura de dous convenios coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións da Coruña e Lugo para financiar o desenvolvemento dos GES destas provincias. Así, o convenio coa Deputación da Coruña ten unha vixencia de dous anos, mentres que o asinado coa de Lugo é só para este ano.

Deste xeito, ambas deputacións que no exercicio anterior rexeitaran as melloras propostas pola Xunta aceptaron aplicalas neste 2023 cos novos convenios. Así, incrementaranse en 40.000 euros os custos salariais dos efectivos dos GES, pasando de 280.000 a 320.000 euros, co obxecto de adaptalos ao seu custo real actual. Ademais, na provincia da Coruña, tamén se acordou equiparar o financiamento do servizo municipal de Noia ao resto dos GES, pasando de 155.000 a 320.000 euros.

Estas melloras xa se levan aplicando nos grupos da provincia de Ourense grazas ao acordo do ano pasado da Xunta coa Deputación ourensá e a Fegamp para manter o acordo durante catro exercicios, ata 2025. No caso dos GES da provincia de Pontevedra rexeitaran as medidas e o acordo actual vence a finais deste 2023.

O Goberno galego reafirma coas entregas previstas para este ano o seu compromiso coa creación e mantemento dos GES. Nesta liña, nos últimos anos a Xunta realizou un importante esforzo para reforzar o equipamento dos servizos de emerxencias dos municipios investimento de máis de 24 millóns de euros para as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e os GES.

Pese a tratarse dunha competencia de carácter local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións nos de menor poboación- a Xunta asume máis da metade do funcionamento do custo anual dos GES, así como dos consorcios provinciais de bombeiros. No caso das AVPC, o Goberno galego publica dúas ordes anuais coas que apoiar os seus gastos de funcionamento e mellorar o seu equipamento

O GES da Veiga-Viana recibirá da Xunta unha furgoneta de servicios varios