
O Concello de A Veiga aprobou no pleno celebrado o pasado 24 de febreiro novas medidas que fomentan a creación de emprego estable. O principal obxectivo é fomentar o emprego, especialmente no ámbito rural. Estas novas medidas únense ás axudas a autónomos que o Concello xa aprobara previamente.
Unha desas medidas radica en que todos os negocios que se abran en A Veiga estarán exentos, na súa licencia municipal, do 95% da cota para, segundo o alcalde da localidade, Juan Anta: "darlle a todo aquel que queira invertir no rural o maior número de facilidades para que o fagan en A Veiga". Os negocios que se acollan a esta axuda terán como condición previa a declaración de interese público por parte do Concello.
Será unha bonificación do 95% a favor das construccións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. Así como tamén unha bonificación do 50% a favor de construccións, instalacións ou obras vinculadas aos Plans de Fomento dos Investimentos Privados en Infraestructuras ou referentes a vivendas de protección oficial. Ademais, aplicarase unha bonificación do 90% a favor de construccións, instalacións ou obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.
Outra das medidas aprobadas no pleno foi a referida á creación da marca propia "Montañas de Trevinca" para os produtos de Trevinca, así como o regulamento da mesma, co obxectivo principal de fomentar o negocio da apicultura en A Veiga e poñer a disposición dos traballadores o Centro Apícola de Prada, optimizando os custes de producción. "A finalidade é poñer en valor os nosos productos e crear así o emprego que desexamos", sinalou o alcalde.
O vindeiro sábado o concello reunirase cos apicultores da zona para comunicarlles a aprobación destas novas medidas e as condicións e requisitos para o uso da nova marca "Montañas de Trevinca", poñendo así en marcha este novo proxecto.