
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega hoxe de cadanseu furgón de servizos varios a distintos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da comunidade reforzando así o seu equipamento.
En concreto, aos GES de Ferrol-Eume, O Sar e Caldas e Ortegal e Ferrol con sedes en Mugardos, Padrón e Ortigueira, respectivamente. Tamén ao de Friol-Palas de Rei na provincia de Lugo, mentres que na provincia ourensá recibiron cadansúa furgoneta o GES A Veiga-Viana, e o que atende a zona Viana-Verín con sede na Gudiña. Ao acto tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co delegados territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Gonzalo Trenor e Martina Aneiros, respectivamente.
Estes vehículos 4x4 supoñen un custo total de 655.759 euros, isto é, 109.293 euros cada un deles. Ademais, están deseñados para empregarse nunha primeira saída nunha intervención para o transporte de auga no caso de pequenos incendios ou ben do material necesario en zonas de difícil acceso.
O investimento neste equipamento ascende a máis de 2M€ e inclúe, xunto cos 6 furgóns de servizos varios entregados hoxe, outros 5 camións tipo Bomba Rural Pesada (BRP) e 4 equipos de excarceración, entre outro material diverso para a atención ás emerxencias.
Nesta liña, Diego Calvo lembrou o importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar aos efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta. Así o destacou no acto, no que tamén estivo presente o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
De feito, pese a tratarse dunha competencia local -dos municipios de máis de 10.000 habitantes e das deputacións nos de menor poboación- a Xunta colabora no equipamento dos seus GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) con máis de 24M€nos últimos anos.