O trampeo masivo en primavera un bo xeito de porlle freo á velutina

A Asociación Apícola de Valdeorras destaca que capturar raíñas agora pode evitar milleiros de niños no verán

A Asociación Apícola de Valdeorras fai un chamamento á veciñanza para intensificar o trampeo da vespa velutina nestas semanas, consideradas clave para frear a expansión desta especie invasora.

Así o explicou o secretario da entidade, Javier Mancebo, quen subliñou que a chegada da primavera marca o inicio do ciclo vital das velutinas. «É o momento máis importante para actuar, porque as que se capturan agora son raíñas, e cada raíña menos é un niño menos no futuro», destacou.

Trampas sinxelas ao alcance de todos

Desde a asociación lembran que calquera persoa pode colaborar, teña ou non colmeas. «É interesante que tamén participe xente con viñas ou fincas», indicou Mancebo.

As trampas poden elaborarse de forma caseira con materiais moi accesibles, como botellas de plástico. Entre as receitas máis habituais está a mestura de auga, azucre e levadura, aínda que tamén se empregan zumes doces ou bebidas fermentadas.

A clave, segundo explicou, está en combinar un compoñente doce que atraia ás avespas e outro fermentado que evite a entrada de abellas.

Un problema que medra no verán

A presión da velutina sobre as abellas increméntase especialmente nos meses de verán, cando os niños están plenamente desenvolvidos. «Nese momento poden chegar a miles de exemplares, pero agora estamos a tempo de evitalo», sinalou.

As avespas cazan outros insectos, especialmente abellas, para alimentar ás súas crías, o que supón un grave impacto para a apicultura e o ecosistema.

Un sector marcado polas dificultades

Mancebo tamén fixo referencia á situación actual dos colmeares en Valdeorras, afectados nos últimos anos por factores como os incendios forestais, a falta de alimento en determinadas zonas e a presenza de enfermidades como a varroa.

Esta última, segundo explicou, é unha das principais ameazas para as colmeas, xa que debilita ás abellas e favorece a aparición doutros problemas. «Se a varroa non está controlada, todo o demais complícase moito máis», advertiu.

A importancia da asociación

Desde a Asociación Apícola de Valdeorras destacan tamén o valor de traballar de forma colectiva, compartindo información entre os apicultores.

«A asociación permite resolver dúbidas, estar informado e non sentirse só ante os problemas», apuntou Mancebo, quen tamén destacou a boa participación dos socios nas actividades e formacións organizadas.

A entidade continúa así traballando para apoiar ao sector e facer fronte a retos como a velutina, nun contexto no que a colaboración cidadá pode resultar clave