O Concello da Rúa está «levantado» por todas as súas obras

O Concello da Rúa está «levantado» por todas as súas obras
María Albert, alcaldesa da Rúa explica todas as obras que se están a levar a cabo nestes momentos

No Concello da Rúa non para de facer actividades e tampouco obras. Nesta ocasión a alcaldesa, María Albert, asegura que teñen todo con concello «levantado» de tantas cousas que se están a levar a cabo. 

Comezamos polo Plan HURBE, «que como sabedes é da Xunta de Galicia, que parece que agora vai avanzando, sobre todo, na rúa Benito Fernández», explica a alcaldesa. De feito, considera que xa se pode comezar a intuír como vai quedar esa zona e, seguramente, «os veciños e as veciñas van quedar contentos co remate final».

Dende o propio Concello tamén se está a impulsar as obras da segunda fase de urbanización da Rúa Pireira, «estanse desenvolvendo con toda normalidade. Ademais, teño que dicir que é unha empresa curiosa e rápida, que están funcionando moi ben. É un ramo relativamente pequeno e que haberá que ter unha terceira fase», comenta María Albert. 

Nos próximos días arrancará a construción da rúa Guindeiras, «tamén viña herdada, pero que se vai unir a dúas obras que propuxemos agora para poder empatar esa obra de abaixo pegada a Igrexa de San Estevo, con unha pequena parte que se fixera na parte de arriba», asegura a alcaldesa da Rúa.

Por outra banda, están as que se centran na mellora das instalacións deportivas que se iniciaron a finais do ano pasado. «Incluía o lixado e vernizado da pista do pavillón, novo marcador para a pista de fútbol. Obras tamén no campo de salto de lonxitude e nas pistas de tenis». 

A auga era unha das grandes preocupacións deste novo equipo de goberno. Nestes momentos, «houbo un pequeno atraso por unha errata na tramitación da Deputación con esa obra de mellorar a calidade da auga na zona de San Estevo. Temos dúas memorias máis para facer obras similares, tanto en Fontei como no depósito de cabeceira de Artística». Tamén se localizou, «por fin, o proxecto  da primeira fase da mellora de abastecemento que se executara fai oito anos, e que temos moito interese que se faga a segunda fase». 

A zona das Pinguelas non queda fora dos proxectos futuros que teñen dende este equipo de goberno. «É unha zona importante para A Rúa, ten un valor etnográfico fundamental, tamén pode ter un valor económico importante se conseguimos que a zona se adecúe». 

Se queres escoitar a entrevista completa con María Albert, podes facelo aquí: