
Un verán intenso no cultural chega ao seu fin na Rúa cun concerto colectivo, "Ó son da estación". Este vindeiro sábado 31 de agosto o municipio acollerá a actuación de seis artistas como broche de ouro á temporada estival, nunha iniciativa promovida por Turismo de Galicia coa colaboración do Concello.
«Esperamos que sexa unha primeira edición das moitas que virán», agarda a alcaldesa, María González Albert. «É un concerto que pecha moi ben este mes, que foi intenso, no que non paramos. E é dun xeito inmellorable porque será mesturando distintos estilos musicais».
Así, a praza de Estación será o escenario, en primeiro lugar, de Magín Blanco e A Banda das Apertas, cunha actuación para público infantil e familiar. Collerá o relevo Abertal, «a modo de concerto de inicio de curso», segundo a rexedora. Chegarán despois «os dous grandes atractivos para a xente máis adolescente e adulta»: The Rapants e Grande Amore.
Estes cinco artistas e agrupacións estarán acompañadas durante toda a xornada musical con Señora DJ. Un conxunto de actuacións que arrincarán ás 19:30 horas.
Valora a alcaldesa o balance do que foi este verán no cultural que, asegura, «foi complicado de entrada porque había moitos cambios e sensibilidades, pero nós tiñamos claro que a seguridade era o elemento clave». Orgullosa se amosaba tamén a rexedora pola imaxe da Rúa vertida ao exterior «que foi inmellorable».
Pode escoitar a entrevista coa alcaldesa María González Albert neste enlace de audio: