A Rúa pecha o seu verán cultural "Ó son da estación"

Concerto "O gran guateque" do pasado 9 de agosto de 2024, na Rúa.
Neste concerto promovido por Turismo de Galicia actuarán The Rapants, Grande Amore, Señora DJ, Abertal, Magín Blanco e A Banda das Apertas. Será este sábado 31 de agosto

Un verán intenso no cultural chega ao seu fin na Rúa cun concerto colectivo, "Ó son da estación". Este vindeiro sábado 31 de agosto o municipio acollerá a actuación de seis artistas como broche de ouro á temporada estival, nunha iniciativa promovida por Turismo de Galicia coa colaboración do Concello. 

«Esperamos que sexa unha primeira edición das moitas que virán», agarda a alcaldesa, María González Albert. «É un concerto que pecha moi ben este mes, que foi intenso, no que non paramos. E é dun xeito inmellorable porque será mesturando distintos estilos musicais».

Así, a praza de Estación será o escenario, en primeiro lugar, de Magín Blanco e A Banda das Apertas, cunha actuación para público infantil e familiar. Collerá o relevo Abertal, «a modo de concerto de inicio de curso», segundo a rexedora. Chegarán despois «os dous grandes atractivos para a xente máis adolescente e adulta»: The Rapants e Grande Amore

Estes cinco artistas e agrupacións estarán acompañadas durante toda a xornada musical con Señora DJ. Un conxunto de actuacións que arrincarán ás 19:30 horas

Valora a alcaldesa o balance do que foi este verán no cultural que, asegura, «foi complicado de entrada porque había moitos cambios e sensibilidades, pero nós tiñamos claro que a seguridade era o elemento clave». Orgullosa se amosaba tamén a rexedora pola imaxe da Rúa vertida ao exterior «que foi inmellorable». 

Pode escoitar a entrevista coa alcaldesa María González Albert neste enlace de audio: