A Rúa entra de cheo na Bacofesta entre viño, historia e un Aguillón cada vez máis ateigado
A Bacofesta xa está en marcha na Rúa. A undécima edición da celebración enogastronómica abriu este venres, 14 de agosto, tres días nos que O Aguillón volve converterse nun escaparate dos viños de Valdeorras, da gastronomía, da artesanía e da música, sen esquecer esa pegada romana sobre a que naceu unha festa que co paso dos anos foi adquirindo personalidade propia.
E se algo deixou claro a primeira xornada foi que había ganas de Bacofesta. O acto inaugural contou xa cunha importante presenza de público, pero a afluencia foi medrando a medida que avanzaba a tarde e caía a noite, enchendo progresivamente o recinto e deixando unha animada estampa no corazón do Aguillón. Antes, como manda a tradición, houbo que regresar simbolicamente séculos atrás.
Da Cigarrosa á Rúa, este ano tamén polo Sil
O punto de partida volveu estar na Ponte da Cigarrosa, nexo entre A Rúa e Petín e un dos lugares que mellor representa o pasado romano deste territorio.
Por un lado chegaron os representantes de Petín, encabezados pola súa alcaldesa, Raquel María Bautista. Polo outro, romanos e castrexos da Rúa, coa alcaldesa María González Albert ao fronte.
No medio da ponte repetíase un dos rituais que xa forman parte da Bacofesta: González Albert entregaba á alcaldesa petinesa o disco de prata que simboliza a credencial do vicario de Roma.
Pero este ano a organización tiña preparada unha novidade. Se noutras edicións o percorrido ata O Aguillón se realizou a pé ou utilizando o tren da festa, nesta ocasión parte da comitiva decidiu probar suerte por auga.
As alcaldesas da Rúa e Petín e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, embarcaron para remontar o Sil desde Petín ata o Malecón rues. A pregoeira, Mercedes González, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, o presidente de AEVA, Carlos Terán, e outros asistentes fixeron o percorrido no tren.
Unha travesía que deixou tamén unha das anécdotas da tarde. Xa sobre o escenario, Merelles chanceaba coa aventura e coa seguridade das embarcacións romanas, agradecendo ao capitán Luis Díaz Lixo que os fixese chegar «sans e salvos» ata O Aguillón.
Merelles: «Esta é unha das festas que máis amamos os rueses»
O director de Turismo de Galicia, que xa fora pregoeiro da Bacofesta, falou desde unha vinculación moi persoal coa celebración e coa propia comarca.
Merelles definiuna como «unha das festas que máis amamos os rueses» e destacou especialmente o que significa celebrala a mediados de agosto, cando regresan á comarca moitas das persoas que viven fóra durante o resto do ano e A Rúa recupera encontros, familias e amizades.
Aproveitou tamén para reivindicar o momento que atravesan os viños de Valdeorras, que situou entre os mellores da súa historia, e o traballo que se está desenvolvendo arredor do enoturismo, tanto desde as adegas como desde iniciativas que permiten converter o viño nunha experiencia ligada ao territorio.
Mercedes González: un pregón para beber Valdeorras, pero tamén para entendela
Se a viaxe polo Sil puxo a nota singular á inauguración, boa parte do protagonismo posterior recaeu sobre a pregoeira, a recoñecida sumiller Mercedes González.
O seu foi un pregón longo, divertido por momentos, emotivo noutros e, sobre todo, moi persoal. González botou man das súas primeiras lembranzas da Rúa, da súa relación durante anos coas adegas e cos profesionais da comarca e dunha maneira de entender o viño que vai moito máis alá do que chega á copa. «Para alguén que se dedica a gozar do viño, sentirse na casa onde o viño non é unha bebida, senón un xeito de vida, é algo de agradecer», resumiu.
Porque, segundo defendeu, detrás dunha botella hai moito máis ca uva: hai xeadas, veráns de calor, preocupacións, ilusións, noites sen durmir e orgullo. Cada copa de Valdeorras, asegurou, acaba contando unha historia. E desa historia forman parte, inevitablemente, as persoas.
Un recordo para unha comarca marcada polo lume
O pregón cambiou de ton cando Mercedes González falou dos incendios que golpearon Valdeorras hai agora un ano. A sumiller quixo que as súas palabras servisen como unha pequena homenaxe ás persoas que sufriron o lume, ás que loitaron contra el e a quen perdeu patrimonio, terra ou tranquilidade.
«As árbores poden volver medrar, as viñas poden volver brotar, pero hai feridas que precisan máis tempo», sinalou antes de reivindicar a forza dunha comarca que «sempre soubo levantarse».
A propia alcaldesa da Rúa regresaría a esa memoria ao final do acto. María González Albert lembrou que exactamente un ano antes, nestas mesmas datas, Petín estaba ardendo e ao día seguinte o lume alcanzaba o municipio rues. A alcaldesa de petín presente emocionuse ao rememorar o pasado.
Unha realidade radicalmente distinta á imaxe festiva deste venres, pero que a rexedora non quixo esquecer. Fíxoo para poñer en valor precisamente a capacidade de Valdeorras para unirse ante a adversidade e seguir adiante.
As covas de Valdeorras, un tesouro baixo os pés
Mercedes González deixou ademais durante o seu pregón unha reivindicación que foi moito máis alá da Bacofesta. Dirixíndose directamente a Xosé Merelles, pediu que Turismo de Galicia continúe mirando cara ao patrimonio vitivinícola que Valdeorras conserva baixo terra: as súas covas.
A pregoeira comparou este patrimonio con algunhas das grandes galerías subterráneas das rexións vitivinícolas que coñeceu no seu traballo e lembrou a recente declaración como Ben de Interese Cultural do conxunto de covas de Seadur, en Larouco.
Pero foi máis alá: expresou o desexo de que algún día o conxunto das covas tradicionais de toda Valdeorras poida alcanzar a protección e o recoñecemento que, ao seu xuízo, merece. «Quen protexe as súas covas está protexendo a memoria da súa xente», resumiu.
Merelles recolleu a luva e anunciou que o vindeiro 20 de agosto, no Centro Cultural Avenida, se presentará un libro sobre as covas de Valdeorras, financiado pola Axencia Turismo de Galicia e froito dun amplo traballo de investigación que pasou dunhas 300 covas inicialmente documentadas a arredor dun milleiro.
Godello, garnacha tintureira e unha «poción máxica» moi valdeorresa
Nunha Bacofesta, naturalmente, o viño tiña que ocupar boa parte do pregón. González xogou coa historia romana e mesmo co universo de Astérix e Obélix para buscar a particular «poción máxica» de Valdeorras. E atopouna na uva.
Falou especialmente do godello, que comparou con ese amigo elegante «que fala pouco e di moito», pero tamén reivindicou a garnacha tintureira e o traballo realizado polos produtores na recuperación das variedades tradicionais da comarca.
E deixou unha petición para estes días: beber, si, pero facelo «con calma, con conversas, con amigos e con respecto polo traballo de quen cultiva a cepa», lembrando que detrás de cada copa hai meses de esforzo e que «a mellor maridaxe para un viño segue sendo unha boa compañía».
Un brinde para abrir tres días de festa
O acto institucional rematou como non podía ser doutra maneira: cun brinde por Valdeorras e pola Bacofesta. Nel participaron as alcaldesas da Rúa e Petín, Mercedes González, Xosé Merelles, a deputada provincial por Valdeorras María del Carmen González, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e o presidente de AEVA, Carlos Terán, entre outros representantes.
Mercedes González propuxo brindar polos que traballan a terra, polos que soñaron con facer grandes viños, polos que continúan o legado dos seus pais e avós, polos emprendedores e, en definitiva, por unha festa que definiu como «unha colección de recordos felices».
E, co protocolo rematado, comezou realmente a outra Bacofesta: a da xente. O recinto foi gañando ambiente a medida que avanzaba a noite. As copas, os encontros arredor das casetas, a gastronomía e a artesanía foron tomando O Aguillón ata desembocar na actuación de Picoco's Band, encargada de poñer música á primeira noite a partir das 23.00 horas.
Once adegas e nove propostas artesás
O viño é un dos grandes protagonistas desta edición, coa participación de A Coroa, Cova da Xabreira, Alán de Val, D'Berna, Roandi, Aristegui, Joaquín Rebolledo, Quinta da Peza, Melillas, Sampayolo e Bodeguilla do Retorno.
Ao seu carón, a feira conta cun espazo de artesanía no que participan Shadewolf Printing, Quesería Cumbres de Trevinca, Domingo Malvesada, Nekojitanee Illustration-Estudo Garabizo, Embutidos Porta do Courel, Miñas Cousiñas, Finart, Trapalladas Artesanía e Editorial Galbã.
A Bacofesta continúa durante toda a fin de semana
A festa non fixo máis que comezar. Este sábado 15, O Aguillón volverá concentrar a actividade durante toda a xornada e, ás 23.00 horas, chegará a actuación de Queiman e Pousa.
O domingo 16, a XI Bacofesta despedirase cun dos pratos fortes da programación musical: Strad, El Violinista Rebelde, de Jorge Guillén, tamén ás 23.00 horas, será o encargado de poñer o broche a tres días nos que A Rúa volve mirar ao seu pasado romano para celebrar algo profundamente presente: o viño, a terra e, sobre todo, o encontro arredor deles.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado