viernes. 04.07.2025

A Rúa celebra o 'Carnavrao' con gran cena popular mentres avanza nas obras de mellora en Vilela e Roblido

A alcaldesa, María González Albert, destaca o papel das asociacións culturais e anuncia novos proxectos urbanísticos nos núcleos rurais esquecidos
somoscomarca_arua_mariagonzalezalbert_alcaldesadarua_202320232130 (1)

O municipio da Rúa xa está en modo festivo. Esta fin de semana celébrase o 'Carnavrao', unha celebración estival organizada pola Asociación Cultural San Cristóbal, que terá como un dos seus momentos estrela a gran cea popular na rúa Doutor Vila, no barrio da Estación. Mesas ao aire libre, decoración temática e ambiente veciñal volverán dar vida a esta zona grazas ao esforzo da entidade, que ademais recada fondos coa venda de bolsas solidarias de tea para cubrir os gastos do evento.

A alcaldesa da Rúa, María González Albert, destacou na entrevista dos mércores en Radio Valdeorras Onda Cero o labor fundamental da Asociación San Cristóbal, non só no Carnavrao, senón tamén noutras datas sinaladas como o Nadal: «As asociacións culturais son fundamentais, dinamizan os concellos desde a sociedade civil».

A festa incluirá tamén a tradicional procesión de coches en honra a San Cristovo, patrón da asociación, que se celebrará o 10 de xullo. Pero o verán na Rúa non remata aí. González Albert repasou o calendario festivo das próximas semanas, que inclúe as festas do Carme en Vilela, as da Rúa que cuadran o 2 e 3 de Agosto, logo a Bacofesta (que definiu como a súa favorita xunto a do Codillo) o fin de semana da Santa María serán as Xornadas de Folclore e o seguinte as festas do San Roque, entre outras actividades organizadas tanto polo Concello como por colectivos veciñais.

A única fin de semana que non haberá eventos é a do 25 de xullo xa que son as Festas do Apóstolo en Petín e como a alcaldesa significa: «Respectamos como non podía ser doutro modo as Festas de Santiago de Petín que tamén son unhas festas moi importantes para a comarca e o resto actividade continua»

Obras e planificación urbanística

En paralelo á axenda lúdica, o Concello da Rúa segue adiante co seu plan de mellora de infraestruturas. Esta semana sairán a licitación catro obras menores: dúas na zona infantil de Fontei, unha na rúa do Souto e outra na rúa Pireira. Pero o proxecto máis ambicioso será a reforma integral de varias rúas en Vilela, como a rúa Darriba, do Anxo e parte do Marentín. Trátase dunha actuación de máis de 100.000 euros que busca dar resposta a un dos núcleos máis esquecidos até agora.

«Queremos facer unha intervención racional e planificada, porque nunca antes se actuara de forma estruturada en Vilela», explicou a alcaldesa, que tamén anunciou que o seguinte gran obxectivo será Roblido. Este núcleo, que está a recibir nova poboación desde a pandemia, conta cun tecido asociativo moi activo e é, segundo a rexedora, un exemplo de como a iniciativa veciñal pode transformar os espazos rurais.

Alerta polo consumo de auga

Para rematar, González Albert fixo un chamamento á cidadanía para facer un uso responsable da auga potable, tras unha semana de altas temperaturas e consumo excesivo: «Estamos gastando máis do que nos corresponde por número de habitantes. Se queremos evitar restricións no verán, hai que evitar usos indebidos como lavar coches, fincas ou encher piscinas con auga da traída».

Así, A Rúa combina este verán festa, dinamismo veciñal e planificación urbana, apostando por un modelo de concello vivo, participativo e sostible.

A Rúa celebra o 'Carnavrao' con gran cena popular mentres avanza nas obras de mellora...