jueves. 07.05.2026

A Rúa avanza entre formación, obras e cultura pese ás consecuencias do temporal

O Concello incorpora por primeira vez un obradoiro con carpintería, afronta novas actuacións urbanas e traballa na recuperación de espazos tras a treboada, mantendo unha intensa programación cultural
somoscomarca_arua_oaguillon_paseo_niñocorriendo_señoresmayores_lluvia664
A Rúa avanza entre formación, obras e cultura pese ás consecuencias do temporal

A alcaldesa da Rúa, María González Albert, fixo balance da actualidade municipal nun momento marcado pola posta en marcha de novos proxectos, a recuperación de infraestruturas tras o temporal da pasada semana e unha programación cultural activa.

Un dos eixos principais é a incorporación do Concello ao obradoiro de emprego impulsado xunto a outros municipios da comarca. «Este ano si que podíamos optar e pareceunos moi interesante introducir a parte de carpintería», explicaba a rexedora, quen destacou que esta especialidade permitirá desenvolver actuacións prácticas no municipio.

«Queremos poñer A Rúa máis bonita, poder facer cubre contedores e mellorar cuestións de mobilidade urbana», sinalou, subliñando que este tipo de formación tamén responde á demanda laboral existente: «Hai moita necesidade de profesionais como carpinteiros, albaneis ou electricistas, e pouca xente que se dedique a estes oficios».

Obras en marcha e dificultades na contratación

No ámbito das infraestruturas, o Concello afronta un ano intenso. «Agora en breve empezarán as obras na Casa da Cultura, na rúa Mazaira e en Vilela», avanzou González Albert, que tamén confirmou a continuidade dos traballos de aglomerado en diferentes zonas do municipio.

Porén, advertiu das dificultades actuais: «Vai ser un ano complicado porque hai moitas obras e poucas empresas. A contratación está sendo unha problemática importante».

Traballos tras o temporal, limpando e consolidando zonas

A recente treboada deixou tamén importantes danos, obrigando ao Concello a actuar en diferentes puntos. «Xa limpamos todos os areneiros, que era unha prioridade porque estaban completamente colapsados», explicou.

Estes espazos, fundamentais para canalizar a auga, acumulaban «terra, lama, madeira e moita porquería» tras a riada. Aínda así, os traballos continúan: «Aínda queda bastante por facer, sobre todo no arroio de Entoma, onde imos facer labores de consolidación».

A alcaldesa tamén lamentou a falta de apoio doutras administracións: «Seguimos adiante con bastante dignidade, pero con moi pouca axuda das administracións superiores».

Melloras ambientais e recuperación de espazos verdes

Outro dos obxectivos do obradoiro será a recuperación de zonas verdes, especialmente no Aguillón. «É un espazo fundamental de esparexemento e queremos recuperar todo o sistema de rego», indicou.

A actuación permitirá reutilizar auga procedente da depuradora: «Imos darlle un segundo uso á auga, pechando o ciclo e garantindo que no verán estas zonas non estean secas».

somoscomarca_arua_oaguillon_paseo_niñocorriendo_señoresmayores_lluvia661
Zona do Aguillón na Rúa

Cultura para todos os públicos

Xunto á actividade institucional, A Rúa mantén unha intensa programación cultural. Esta semana destaca a inauguración dunha nova exposición na Biblioteca Municipal de Lito Alva: «É dun pintor local moi querido, cun talento especial para a pintura», apuntou a alcaldesa.

Ademais, a fin de semana contará con sesións de cine para todos os públicos, con propostas tanto infantís como para adultos, incluíndo unha película de carácter máis nostálxico. «Queremos ofrecer alternativas culturais para todas as idades», concluíu.

Deste xeito, o Concello da Rúa continúa combinando formación, obras, recuperación de espazos e cultura, nun momento de intensa actividade marcado tamén polos retos derivados das recentes condicións meteorolóxicas.

Tu prueba Premium ha finalizado

A Rúa avanza entre formación, obras e cultura pese ás consecuencias do temporal