sábado. 31.05.2025

A Rúa adianta a poda con traballadores propios e do obradoiro Laboru

O Concello da Rúa e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil colaboran para dotar de saneamento e poñer en valor a zona das Pinguelas

A alcaldesa da Rúa, María González Albert, valora positivamente a poste en marcha dun protocolo de colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para revitalizar a zona das Pinguelas, coñecida polas súas covas e bodegas de gran valor cultural e etnográfico.

Este espazo protexido presenta unha serie de instalacións que inclúen covas con antebodegas que, actualmente, carecen de servizo de saneamento. «É un proxecto moi bonito e estamos moi contentos. Queremos darlle un uso a este espazo para que teña unha repercusión económica importante para o municipio», afirmou a alcaldesa.

O protocolo recentemente firmado busca coordinar actuacións que permitan dotar de infraestruturas adecuadas á zona. A alcaldesa explica que esta é unha sensibilidade compartida tanto da Confederación como da Xunta de Galicia e do propio Concello. Os técnicos xa están traballando no lugar para establecer as intervencións precisas e calcular o custo que implicará a obra.

Ademais do proxecto nas Pinguelas, o Concello da Rúa está a levar a cabo labores de mantemento, como a poda das árbores en distintas áreas do municipio.

«Este ano comezamos máis cedo para evitar os problemas que xorden cos temporais, e estamos a executar os traballos con persoal propio e a colaboración do obradoiro de emprego Laboru 4», explicou González Albert. A poda xa se completou en zonas como O Aguillón e Fontei. Agora está en proceso na Rúa Vella, coa previsión de rematar na primeira quincena do próximo mes.

Si desexa escoitar a entrevista completa con María González Albert pode facelo aquí:

A Rúa adianta a poda con traballadores propios e do obradoiro Laboru