A Praza de Fontei acollerá o festival de fin de curso de Abertal con máis de 80 participantes

Baile, gaita, percusión, canto e pandeireta protagonizarán unha cita que servirá para amosar o traballo realizado ao longo do ano

A Asociación Cultural Abertal celebrará o vindeiro venres, 19 de xuño, o seu tradicional festival de fin de curso, unha cita que reunirá na Praza de Fontei da Rúa a máis de 80 participantes de todas as idades para amosar ao público o aprendido durante os últimos meses.

A actuación dará comezo ás 20.00 horas e converterase nun escaparate da música e da cultura tradicional galega a través das diferentes disciplinas que se imparten na asociación. O público poderá gozar das exhibicións dos grupos de baile tradicional, percusión —con tambor e bombo—, gaita, canto e pandeireta.

O festival servirá para poñer en valor o traballo desenvolvido durante todo o curso por alumnado e profesorado, ademais de ofrecer unha oportunidade para compartir coa veciñanza o resultado de meses de ensaios e aprendizaxe arredor do folclore galego.

Desde a organización destacan que será unha celebración aberta a toda a cidadanía, na que non faltarán a música, a tradición e o ambiente festivo que caracteriza as actividades promovidas por Abertal. A cita reunirá tanto aos máis pequenos como aos integrantes adultos da agrupación, converténdose nun reflexo da continuidade xeracional que mantén viva a cultura popular galega.

O Concello da Rúa colabora nesta actividade, que cada ano marca o peche do curso e que se converte nun momento especiais para as familias e para os propios participantes.

Abertal convida á veciñanza a asistir a esta festa da música e da tradición para compartir unha tarde na que o orgullo polo patrimonio cultural galego volverá ser o gran protagonista.