A Praza do Concello da Rúa énchese de música no Día das Letras Galegas
A Praza do Concello da Rúa converteuse este domingo nun gran escenario de música, baile e tradición coa actuación da Escola de Gaitas e Baile Tradicional “Abertal”, organizada para conmemorar o Día das Letras Galegas. Pasadas as doce do mediodía, a Banda de Gaitas facía a súa entrada interpretando pezas tradicionais, seguida dunha ampla representación dos grupos de baile e pandeireteiras da escola, que recibiron os aplausos dun numeroso público.
O acto comezou cunha intervención dedicada á figura da homenaxeada deste ano, Begoña Caamaño, da que se destacou o seu compromiso social, cultural e xornalístico. Durante a presentación lembráronse aspectos da súa traxectoria profesional e persoal, incidindo especialmente na súa loita contra a manipulación informativa nos medios públicos e no seu activismo constante en defensa da igualdade e da cultura galega.
Outro dos momentos máis emotivos chegou coa lembranza das mulleres pandeireteiras, pioneiras na conservación das cantigas tradicionais galegas e na súa difusión polos escenarios. Desde a organización destacaron que, do mesmo xeito ca outras figuras homenaxeadas nas Letras Galegas, Begoña Caamaño foi “unha muller loitadora e amante da cultura e da tradición galega”.
Tras a introdución institucional, sucedéronse as actuacións dos distintos grupos da escola. Os máis pequenos abriron o apartado artístico, algúns deles debutando por primeira vez diante do público, nunha actuación chea de ilusión e nerviosismo. A continuación foi a quenda dos grupos xuvenís e dos adultos, que ofreceron diferentes pezas de baile tradicional e actuacións de pandeireta que fixeron as delicias dos asistentes.
O peche do acto correu a cargo da Banda de Gaitas, que interpretou catro pezas finais coas que puxo o broche de ouro a unha mañá marcada pola emoción, a defensa da identidade galega e o orgullo polas tradicións propias.