viernes. 29.03.2024

O Salón de Plenos da Deputación de Ourense acolleu hoxe unha sesión plenaria infantil, protagonizada por alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º da ESO do colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, unha actividade enmarcada na “Semana Escolar da Provincia” que organiza a institución provincial.

Manuel Baltar destacou no acto o acerto “de poñer en valor a temática do medio ambiente” neste debate plenario infantil, “o que nos permite contribuír entre todos a sensibilizar sobre a importancia dunha sociedade cada día máis sostible”. O presidente do goberno provincial agradeceu a alumnos e profesores a súa implicación na Semana Escolar da Provincia e o seu traballo a prol de Ourense.

No pleno, os estudantes abordaron temas medioambientais relacionados cos vertidos aos ríos, os incendios forestais, o lixo, a protección da natureza, a recuperación forestal, o medio natural e a contaminación, lanzando unha mensaxe de concienciación a prol do medio ambiente na nosa provincia e sinaladamente na comarca de Valdeorras.

A cuarta edición da “Semana Escolar da Provincia” que promove o goberno provincial, conta coa participación de 8.417 alumnos e alumnas de 47 centros escolares da provincia de Ourense. Esta iniciativa pretende achegar un mellor coñecemento da nosa provincia á comunidade educativa. A Deputación de Ourense editou o libro-manual titulado “Viaxe ao patrimonio natural da Ourensanía”, un caderno de viaxe no que o personaxe condutor de todos os manuais creados para esta actividade nos últimos catro cursos, Auria, vai percorrendo a provincia e coñecendo os espazos naturais da mesma prestando especial atención aos espazos protexidos, ás augas e á biodiversidade da nosa provincia, así como no valor patrimonial dos mesmos e a importancia cultural que supoñen.

Máis de 500 docentes participan nesta Semana Escolar co seu alumnado realizando as actividades propostas no programa. Para elo, contan cunha Guía do profesorado na que se establecen as pautas para utilizar o libro-manual.

Pleno infantil na Deputación dos alumnos Pablo VI da Rúa