sábado. 20.04.2024

O Grupo Socialista leva ó Parlamento Galego unha proposición non de lei e lembra que a Xunta dispón dunha nova ubicación proposta desde 2018

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, xunto co deputado Julio  Torrado, veñen de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta un novo centro de saúde no concello da Rúa. Blanco atende así a demanda dos veciños do concello rués  que desde primeiros de ano concéntranse, todos os luns ás 12 durante 5 minutos, na porta do centro de saúde. Levan recadado máis de 1.500 sinaturas, para reclamar unha atención primaria digna, e a construción dun novo centro de saúde.

A Rúa conta cunha poboación que non chega ós de 5.000 habitantes. O número de cartillas sanitarias achégase as 4.000 e aténdense ademais, a pediatría dos concellos de Larouco, Petín, Vilamartín, O Bolo e Viana, urxencias os sábados pola mañá de adultos e nenos e nenas de catro concellos. «Conta cunha infraestrutura sanitaria antiga e insuficiente xa que carece dos espazos axeitados para a atención sanitaria que se debe prestar», aclara Blanco.



«Tendo en conta esta situación, o anterior Goberno municipal propúxolle á Consellería de Sanidade establecer o centro de saúde no actual centro de día, hoxe infrautilizado, pero a Xunta de Galicia rexeitou esta situación alegando informes técnicos negativos. No ano 2018, o Concello de A Rúa propuxo unha nova situación, sen obter ningunha resposta do Goberno autonómico», sostén o Grupo Parlamentario.

«Dende que chegou

o PP de Feijóo ao Goberno, foi mudando os compromisos ano tras ano, mesmo

modificando os nomes dos concellos onde se ían construír os centros nun baile

de nomes intolerable, sobre todo para aqueles concellos nos que fixeron o

esforzo de poñer a dispor os terreos para cederllos á Xunta de Galicia co propósito

de que esta cumprira co compromiso de construír estas novas infraestruturas», manifestan.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia insta a Xunta de Galicia a que: «Fixe de forma inmediata un calendario para o inicio, execución e remate das obras do novo centro de saúde de A Rúa, e asigne as partidas orzamentarias correspondentes para poder ser levados a cabo», por un lado. E por outro que: «Poña en marcha de maneira inmediata os mecanismos precisos para que o goberno municipal de A Rúa se comprometa á axilización, e formalización, de toda a tramitación urbanística precisa para a posta a disposición e cesión definitiva de terreos á Xunta de Galicia antes de que remate a X lexislatura».

Os socialistas reclámanlle á Xunta un novo centro de saúde para A Rúa