sábado. 28.06.2025

Roblido celebra o San Xoán entre tradición, reencontros e música

Unha ocasión para volver, para sentir, para celebrar e tamén para recordar. Cada vez que o Santo sae en procesión, cada vez que se abre unha casa pechada ou se xunta unha familia arredor da mesa, renace un pouco a alma desta aldea
somoscomarca_vilamartin_caminandoporladiversidad_1982

Este sábado 28 de xuño, a pequena aldea de Roblido, no concello da Rúa, volve abrir as súas portas, os seus corazóns e os seus recordos para celebrar a festa do patrón: o San Xoán.

Xa pola mañá, os veciños sacaron ao Santo en procesión polas rúas, nun ritual de veciñanza que percorre cada recuncho, cada casa, mesmo aquelas que levan semanas, meses ou anos pechadas. Porque San Xoán, en Roblido, é tamén tempo de retorno. De volver á casa da infancia, á casa dos pais, dos avós, dos tíos. De entrar de novo nun fogar onde só se acenden as luces por esta data. É tempo de lembrar e de sentir que o pasado aínda vive entre as pedras e os silencios que só rompe a festa.

somoscomarca_vilamartin_caminandoporladiversidad_1983
A imaxe saíndo da igrexa de San Xoán

Nas casas que se abriron, como cada ano, non faltará a boa comida. Igual que cando vivían os que xa non están: entremeses, salpicón, cabrito, e de postre, un bo brazo de xitano ou roscón. Aínda que, co tempo que corre —tanto pola calor como polas carteiras—, tamén vale unha ensaladilla e un codillo asado, que saben igual de ben cando se comparten entre risas e lembranzas.

A festa non é só relixión nin só comida. É memoria viva, é acordarse daquelas mañás en que un era cativo e non quería ir á misa, e vestíano de punta en branco. E como non, a lembranza da primeira poza ou regato onde un metía o pé e estragaba toda a roupa… e a paciencia da nai.

somoscomarca_vilamartin_caminandoporladiversidad_1981
Roblido terra de auga e de fontes

San Xoán en Roblido é tamén encontro comunitario. Logo das comidas nas casas, ao caer a noite, os veciños e visitantes reúnense todos nunha cea popular que se celebrará este ano nunha das moitas airas que ten o pobo, espazos que gardan a calor das conversas e a música dos pasos.

A gran cea popular comezará ás nove e media da noite, cun menú ben tradicional: empanada, polbo, postre, viño e café. Unha auténtica homenaxe á gastronomía galega e ao espírito de compartir. E a festa continúa coa música: a partir das once e media da noite a verbena estará animada polo grupo Os Piñeiros, que porán ritmo e alegría ata ben entrada a noite.

Este San Xoán en Roblido é máis que unha festa. É unha ocasión para volver, para sentir, para celebrar e tamén para recordar. Porque cada vez que o Santo sae en procesión, cada vez que se abre unha casa pechada ou se xunta unha familia arredor da mesa, renace un pouco a alma desta aldea.

Roblido celebra o San Xoán entre tradición, reencontros e música