miércoles. 18.06.2025

Os alcaldes de A Rúa e Vilamartín piden prudencia no uso doméstico da auga

portada

En vista do ocorrido en pasados anos e tendo en conta as previsións de secas para o ano en curso, tanto a alcaldesa de A Rúa, María González Albert, como o seu homólogo en Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, piden aos veciños que fagan un uso responsable das augas.

Dende o Concello de Vilamartín, o alcalde afirmou que xa se están a poñer bandos polo pobo que informan do uso adecuado que os veciños deben facer da auga. Advirte ademais, que a auga non debe usarse como regadío e que hai que facer un uso responsable dela: "Pido de verdade que sexamos consecuentes porque o que vai suceder se utilizamos a auga desa maneira é que non vai chegar e teremos que facer cortes de auga".

Unha das solucións que se propón levar a cabo, se a situación non mellora, é proceder a cortar a auga puntualmente, aínda que o alcalde asegurou que "non me gustaría ter que chegar a iso".

Álvarez Barreiro recordou que as queixas dos veciños están sendo continuas, xa que cando todos utilizan as mangueiras ao mesmo tempo, a tubería que abastece ao pobo non ten o caudal suficiente e os veciños quedan sen presión ou directamente sen auga.

Pola súa banda, María González Albert coincide coa visión do alcalde vilamartinés e afirma que tamén sacaron un bando municipal que advirte da situación.

Albert asegurou que limparán de novo as captacións, aínda que se limparon fai tan só uns meses. "A realidade é que non choveu nin nevou e polo tanto non hai auga", sinala a alcaldesa, á vez que recorda que en A Rúa sempre poden botar man do bombeo que teñen do río Sil, aínda que advirte que non é a mellor solución. "O que lle pedimos a xente de A Rúa é que utilicen a auga da traída para o que é, para beber e lavarse, non para lavar os coches, nin para regar, nin para encher piscinas".

Todo apunta a que as secas protagonizarán o período estival, xa que no que vai de ano a penas choveu. Os embalses da provincia encóntrase ao 62% da súa capacidade máxima e os caudais encóntranse, polo xeral, baixos para esta época do ano.

Os alcaldes de A Rúa e Vilamartín piden prudencia no uso doméstico da auga