O centro de saúde da Rúa abre un novo capítulo coa súa licitación

Dende o 3 de xullo ata o 29 de xullo estará aberto o prazo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, espera que esta obra «se poda comezar polo mes de novembro ou decembro»

A Rúa leva reclamando un novo centro de saúde que cubra as demandas da poboación máis de 20 anos. E aínda que nos últimos anos fóronse dando pasos para resolver a situación, parece que o novo edificio nunca chega a pesar de contar xa con solar e urbanización na zona.

Este tres de xullo abriuse un novo capítulo arredor desta edificación. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, visitaron o concello da Rúa para informar da licitación do novo centro de Saúde. Xunto a eles tamén se atopaba María González Albert, alcaldesa da Rúa; Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense: e María del Carmen González, deputada delegada especial para Valdeorras. 

Será un edificio resolto en dúas plantas, segundo explicaba a proxectista, «intentará estar acorde co entorno urbano no que se atopa». A zona baixa será na que se recolla o groso do programa do centro de saúde, a alta será a das consultas de medicina xeral. Esta obra conta cun presuposto total de 2,9 millóns de euros. A superficie construída será de 1311 metros, mentres que a útil alcanzará os 1120 metros.

«Esta é unha demanda de vai máis de 20 anos», recordou a alcaldesa da Rúa. Dende o equipo de goberno rués deron as «grazas» aos conselleiros pola «vontade de facer que este centro de saúde, por fin, sexa unha realidade». 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, recoñeceu que o actual ambulatorio ten «limitacións importantes». Estes inconvenientes veranse solucionados coa nova edificación, «non solo vai ser máis grande, tamén vai ter máis prestacións sanitarias». Gómez mostrou especial interese na aula de educación sanitaria, xa que «é algo moi importante para esta consellería. Preferimos prever a enfermidade que tela». 

Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, asegurou que isto «suporá un antes e un despois na asistencia sanitaria dos seus veciños». A maiores, subliñou que os avances que se están vivindo nesta construción son «froito da colaboración das distintas administracións públicas». A conselleira destacou do proxecto a distribución «de ventilación acorde coas altas temperaturas que hai na Rúa». Martínez anunciou que este 3 de xullo comezou a licitación ata o vindeiro 29 de xullo, polo que esperan que se podan comezar as obras «polo mes de novembro ou decembro». Cabe destacar que o prazo de execución é de 18 meses, polo tanto estiman que «a finais do 2026» estea rematado.