jueves. 12.06.2025

Medio Rural destaca, na Rúa, a profesionalidade do persoal de loita contra incendios

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, clausurou este mediodía unha xornada de formación do persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (Spdcif) da Xunta, que se desenvolveu no Instituto Cosme López Rodríguez, sito no municipio da Rúa, no marco do calendario formativo para o persoal especializado na loita contra o lume.

A titular de Medio Rural, que estivo acompañada polo xefe territorial da provincia, Iago Borrajo, destacou a importancia destes cursos para garantir unha correcta seguridade no dispositivo e, de paso, mellorar o servizo que xa de por si está dotado cos mellores profesionais. E nese sentido é no que está a traballar a consellería, engadiu Ángeles Vázquez, destacando fitos como o recoñecemento da figura do bombeiro forestal, que supón unha mellora para as condicións laborais do colectivo, ou a regulación do paso á segunda actividade do persoal de diversas categorías do Servizo.

A conselleira tamén fixo fincapé na constante renovación de Equipos de Protección Individual (Epis), cun orzamento de 1,7 millóns de euros para os anos 2017 e 2018, e na do parque móbil. Ángeles Vázquez subliñou que se acaban de entregar 12 motobombas aos distritos forestais e que está previsto renovar este ano, mediante aluguer, ata un total de 143 vehículos todo terreo destinados aos labores de prevención e defensa contra os lumes.

Esta xornada forma parte do calendario e, no caso da provincia de Ourense, celebrarase mañá outra xeira no concello de Xinzo de Limia para facilitarlle o traslado ao persoal asistente. O curso centrouse en aspectos como a rede dixital Tetra de comunicacións -cunha parte práctica-, a seguridade, a loxística ou a coordinación cos medios aéreos. Os asistentes foron técnicos, axentes, bombeiros forestais, condutores de motobomba, emisoristas e vixilantes dos distritos forestais XIII e XIV.

Medio Rural destaca, na Rúa, a profesionalidade do persoal de loita contra incendios