domingo. 08.06.2025

O I Premio de Poesía de Florencio xa ten xurado

«Cada un deles é un exemplo para nós». Este é o motivo principal da escolla dos catro membros do xurado do I Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, realizada pola organización do mesmo dende o proxecto As Letras de Florencio, que encabeza Débora Álvarez.

Dous deles, valdeorreses. Anxo Baranga, «Irmán Maior do noso proxecto ata este mes de setembro, o noso guía e exemplo nestres primeros pasos; artista, escultor, pintor, home de teatro detrás e diante do público, contista», explica Álvarez. Tamén será membro do xurado «o noso escritor» David Daniel Vázquez, «a persoa que está a crear unha literatura xuvenil grazas á cal o nosos cativos e cativas se achegan á lectura, sen esquecer as súas antoloxías de relatos,  as novelas...».

Os outros dous membros, mulleres foráneas, mestras, filólogas. Olga Novo, «unha poeta de carreira dilatada e apaixonada investigadora da literatura, que sabe o que é participar e gañar premios de poesía; o seu segundo libro Nós nus levou o Premio Losada Dieguez», explica a directora do proxecto de Florencio.

O último nome propio do xurado do premio de poesía, María Xosé Silvar, Sés, «unha revolución da música galega, creadora e consumidora incansable de poesía».

Os catro membros escollidos levarán nas súas costas «o peso da responsabilidade da escolla do texto gañador deste ano», cuxo fallo se fará público o próximo día 29 de setembro en varios actos a celebrar na comarca. O 29 será tamén o día escollido para a celebración da Gala de entrega do galardón, que terá lugar na Rúa e correrá a cargo dos poetas Lucía Aldao e María Lado.

O I Premio de Poesía de Florencio xa ten xurado