viernes. 29.03.2024

Nun acto celebrado no Aguillón, o PSdeG-PSOE da Rúa presentou o seu proxecto e a súa candidatura. Contou coa presencia de case un cento de veciños e veciñas e no que participaron o candidato á alcaldía da Rúa, Luís Fernández Gudiña; o senador, Miguel Bautista; e a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta.

O PSdeG-PSOE aposta na Rúa por un proxecto que sexa unha "alternativa de futuro", baseado na "experiencia", cun equipo "comprometido" e que permita que o concello "avance". Os e as socialistas preséntanse a estes comicios electorais "con ilusión, con moitas ganas e con toda a forza do mundo".

O candidato á alcaldía da Rúa polo PSdeG-PSOE, Luís Fernández Gudiña, subliñou que os obxectivos principais dos e das socialistas son "desenvolver políticas que teñan como eixe central ás persoas, políticas que xeren actividade nos sectores produtivos do noso concello, políticas en defensa da educación e a sanidade públicas, políticas que potencien o noso patrimonio ambiental e etnográfico, políticas de promoción do comercio de proximidade, da cultura e do deporte".

Neste senso, o actual voceiro socialista dirixiuse ao publico para pedir "o respaldo de todas e todas para conseguir a maioría necesaria que nos permita un cambio na maneira de facer as cousas" e apuntou que "é necesario que unamos forzas e que o día 28 votemos socialismo, votemos por unha candidatura que é a única opción política que ten como eixo do seu programa buscar solucións aos problemas cotiás da veciñanza da Rúa".

Fernández Gudiña márcase como meta rematar co "descontento" actual, tras 4 anos de goberno. Porén presentan un programa no que defenden "un concello aberto, participativo, dinámico e transparente, rexido polos principios da igualdade, a capacidade e o mérito". O candidato socialista explicou que o proxecto socialista pasa por "mellorar as infraestruturas básicas; asentar poboación; loitar contra a seca; a elaboración dun plan de vivenda de aluguer social; o deseño dun plan de seguimento contra a soidade dos nosos maiores; buscar fórmulas para desenvolver o polígono industrial; apostar polos sectores produtivos máis importantes; xerar emprego; potenciar as políticas medio ambientais; mellorar os parques infantís; apostar pola cultura e o deporte; apoiar ás asociacións ou impulsar un local para a mocidade".

 

Miguel Bautista, pola súa banda explicou como se ven «as cousas desde Madrid. Fixo un repaso as malas comunicacións que ten Valdeorras pondo especial fincapé  na N-120, na A-76 e na alta velocidades e na estación do AVE na Gudiña, para a que pediu un ascensor. Tamén explicou algúns detalles da nova Ley de vivenda e deu datos para que se coñecese o envellecemento da poboación. Este foi o seu discurso:

 

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, aproveitou a súa intervención para destacar que "con cada voto ao PSdeG-PSOE, con cada voto ao noso candidato Luís, apoiades tamén o cambio na Deputación de Ourense. A parlamentaria socialista puxo o foco tamén en que "cando gobernamos os e as socialistas, facémolo de forma distinta, con eficacia, a pesar das múltiples competencias impropias que asumen os concellos".

Neste vídeo está a presentación do acto e o discurso de Carmen Rodríguez:

Gudiña: «A palabra que define a xestión dos últimos catro anos na Rúa é descontento»