A Festa da Empanada de Costrelas reúne máis de 350 persoas na Rúa Vella

A vixésimo terceira edición celebrouse no Campo de San Roque cunha carpa climatizada, gastronomía tradicional e música en directo para pechar a xornada

O Campo de San Roque, na Rúa Vella, acolleu este sábado a celebración da vixésimo terceira edición da Festa da Empanada de Costrelas, unha cita xa consolidada no calendario festivo local que volveu reunir a veciñanza arredor da gastronomía tradicional e da convivencia.

Preto de trescentas cincuenta persoas déronse cita na carpa climatizada instalada para a ocasión, onde puideron degustar un completo menú composto por sopas de allo, empanada de costrelas, torta de roxóns, viño, café e licores, nun ambiente marcado polo bo tempo e as gañas de festa.

A empanada de costrelas, prato estrela da xornada, foi unha vez máis a gran protagonista dun encontro que destaca pola recuperación e posta en valor das receitas máis tradicionais da comarca, elaboradas seguindo os sabores de sempre.

Tras a comida, a celebración continuou con festa rachada e baile, amenizado polo grupo Pimentoneta, que puxo música e animación a unha tarde na que non faltaron as risas nin as ganas de seguir compartindo.

A Festa da Empanada de Costrelas reafírmase así, tras vinte e tres edicións, como unha cita imprescindible na Rúa Vella, unindo gastronomía, música e tradición nunha xornada pensada para gozar en comunidade.

A festa gastronómica estivo organizada, un ano mais, pola Asociación Sabugueiro da Rúa Vella coa colaboración do Concello da Rúa. 

Membros da Asociación Sabugueiro