viernes. 19.04.2024
Tres empresas presentan ofertas para o proxecto de redacción do centro de saúde da Rúa

 A Xunta recibiu 3 ofertas de empresas para a redacción de proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde do concello da Rúa, que suporá un investimento de 143.774 euros.

Mediante este contrato trátase de definir a idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e de instalacións. Esta proposta deberá integrar a tecnoloxía da madeira no seu deseño e prever unha resposta tecnolóxica co consumo enerxético o máis baixo posible.

Una vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa contratada disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que o proxecto básico sexa informado favorablemente.

O orzamento estimado para a execución das obras do novo centro de saúde da Rúa estímase en 2,4 M€, un investimento da Xunta que quedará determinado finalmente no proxecto de execución, obxecto deste contrato.

O novo centro de saúde

Os terreos para a construción do novo centro de saúde da Rúa teñen unha superficie de 1.841,16 m2 e foron postos á disposición da Xunta polo Concello nun ámbito no que se urbanizou recentemente, coa execución dun espazo libre e un novo treito de viario.

De acordo co programa funcional e de espazos, o novo centro de saúde verá duplicada a superficie actual pasando dos 490 m2 cadrados a máis de 1.000. Máis en concreto, a superficie construída será de 1.258 m2, cunha superficie útil de 1.094 m2.

A área de adultos contará con 3 consultas de medicina xeral, 3 de enfermaría, 1 sala de docencia, 1 sala polivalente e 1 sala técnica. Tamén haberá un área pediátrica cunha consulta médica, outra de enfermaría, sala de lactancia, e un aseo e sala de espera específicos.

Disporá, ademais, dunha área da muller, cunha sala de atención con aseo propio, unha sala de educación para a saúde, almacén e vestiarios.

O resto da superficie será para administración, servizos e instalacións.

A execución deste novo centro de saúde é froito do acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa en abril do pasado ano.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, será a encargada de licitar e executar as obras, seguindo a encomenda da Consellería de Sanidade.

Tres empresas presentan ofertas para o proxecto de redacción do centro de saúde da Rúa