
A música, o humor e a pachanga máis desenfadada terán o seu espazo o sábado 29 de xuño, a partir das 14:00 horas, no bar O Catro da Rúa, que organiza un vermú musical para celebrar a chegada do verán. Os encargados de poñer o ambiente serán os pontevedreses La Mosca Valiente, un dúo que promete converter a terraza nun auténtico escenario de festa.
Formado por Rodrigo Valiente e Marcos Flai, o dúo conta cunha traxectoria de máis de dúas décadas e máis de 1.000 concertos ás súas costas. Co seu estilo ecléctico e provocador, La Mosca Valiente mestura música e espectáculo para facer bailar a todo tipo de públicos. «A pachanga levada ao extremo e a un formato distinto e máis que divertido», explican.
Con versións que abranguen «desde o Soy Minero ata o Du Hast», os músicos destacan pola súa capacidade de adaptación, humor e interacción co público. Non é a primeira vez que actúan en Valdeorras, e sempre deixaron unha gran impresión pola súa enerxía e conexión coa xente.
O evento, promovido por O Catro da Rúa, busca animar o terraceo e dar a benvida á tempada estival con música en directo e ambiente festivo. «Montamos a festa adaptándonos a calquera circunstancia e público», aseguran Valiente e Flai, que definen o seu estilo como “Wrestlin Music”, un concepto que mestura música, interacción e un toque de espectáculo circense.
Con esta proposta, o local de O Barco aposta por ofrecer unha alternativa lúdica e musical para comezar o verán con bo pé e moito ritmo.