Da aula á historia: Dous institutos de Valdeorras sortean 300 euros para financiar unha saída didáctica a Astorga

imagen de una vcloaca romana en Astorga

O alumnado do IES Cosme López Rodríguez da Rúa e do IES Lauro Olmo do Barco impulsa unha iniciativa con rifas para costear unha saída didáctica sobre a romanización, na que tamén participará o IES Carlos Casares de Viana do Bolo.

Os departamentos de Latín de dous centros educativos de Valdeorras, o IES Cosme López Rodríguez da Rúa e o IES Lauro Olmo do Barco, puxeron en marcha un sorteo solidario para financiar unha saída didáctica a Astorga. A actividade, na que tamén participa o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, busca achegar ao alumnado á historia da romanización ao tempo que fomenta o traballo cooperativo e a implicación coa contorna.

A iniciativa naceu da colaboración entre os departamentos de Latín dos tres institutos, que decidiron organizar unha visita cultural á cidade leonesa de Astorga, a antiga Astúrica Augusta, un dos enclaves clave da romanización no noroeste peninsular.

 

Segundo explica Carmen Díaz Rifón, vicedirectora do IES Cosme López Rodríguez da Rúa, o obxectivo é dobre: por unha banda facilitar que o alumnado participe na actividade sen que supoña unha carga económica para as familias e, por outra, fomentar valores de cooperación e implicación colectiva.

«A idea non é só financiar a viaxe, senón tamén promover un traballo cooperativo para que o alumnado se acostume a participar nunha causa común e a realizar actividades que tamén repercutan na comarca», sinala.

Para iso, os dous institutos de Valdeorras puxeron en circulación rifas numeradas que se ofrecen a cambio dun donativo de 2 euros. O premio consiste nun vale de 300 euros para gastar nun comercio asociado a AEVA —Asociación Empresarial de Valdeorras—.

O sorteo celebrarase o 8 de abril, coincidindo co día da saída didáctica a Astorga, e realizarase ante un xurado composto por membros dos centros organizadores. O resultado publicarase nas páxinas web dos institutos e tamén a través das canles habituais de difusión de AEVA.

A persoa gañadora deberá comunicar que está en posesión da rifa premiada enviando unha copia ao correo electrónico do IES Cosme López Rodríguez. O vale terá unha validez de 30 días para realizar a compra nun establecemento asociado.

Se o importe da compra é inferior aos 300 euros non se devolverá a diferenza, mentres que, no caso de superar esa cantidade, o exceso deberá ser asumido pola persoa premiada.

Unha viaxe para coñecer a romanización

A saída didáctica forma parte das actividades educativas que os departamentos de Latín organizan para complementar o estudo da romanización que o alumnado está a traballar nas aulas.

Neste sentido, a visita permitirá coñecer de primeira man a importancia histórica de Astorga dentro da rede de cidades romanas do noroeste peninsular e da antiga Vía Nova, a cal comunicaba Braga con Astorga e atravesaba territorios moi próximos a Valdeorras.

Durante a xornada, o alumnado realizará unha ruta romana guiada pola cidade, ademais de visitar o museo local e participar en actividades didácticas centradas na presenza romana no territorio.

A excursión tamén terá un carácter intercentros, xa que participarán estudantes dos tres institutos implicados, favorecendo así o contacto entre alumnado de diferentes localidades da comarca e da contorna.

De feito, para preparar a actividade creouse un curso específico na aula virtual dun dos centros baixo o título «Coñecéndonos en Astúrica Augusta», no que os estudantes xa están a compartir contidos e traballos sobre a romanización.

Un proxecto educativo con continuidade

A iniciativa enmárcase nun proxecto máis amplo dos departamentos de Latín da zona, que buscan achegar o alumnado aos principais enclaves da romanización do noroeste peninsular.

O pasado ano o alumnado visitou Lugo, a antiga Lucus Augusti, e o obxectivo é continuar ampliando estas experiencias educativas. De cara ao futuro, os docentes non descartan organizar unha nova saída a Braga, completando así o percorrido polas tres capitais romanas da zona.

Deste xeito, ademais de reforzar os contidos académicos, o alumnado pode coñecer sobre o terreo a pegada histórica de Roma no territorio e comprender mellor o legado cultural que marcou o desenvolvemento das actuais comarcas galegas.