
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicou recentemente o Plan Integral contra o acoso e ciberacoso escolar, así como a actualización do Protocolo educativo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar, co fin de dar resposta a este tipo de situacións nos centros educativos da nosa comunidade autónoma.
Unha das medidas establecidas nestes documentos é a instalación do denominado Punto Laranxa en cada un dos centros de ensino. Trátase dun espazo onde calquera persoa poderá denunciar de xeito anónimo unha situación de posible acoso ou ciberacoso escolar.
A información recibida será xestionada polo Equipo ACAE (Actuación Contra o Acoso Escolar), un equipo docente encargado de levar adiante as medidas establecidas no devandito protocolo con relación á detección e á intervención ante posibles casos de acoso e ciberacoso escolar.
Ademais de xestionar todas as actuacións posteriores á comunicación de feitos, este equipo encargarase da revisión diaria e filtrado das posibles denuncias depositadas no Punto Laranxa, de acordo co procedemento establecido no protocolo para a intervención nos centros educativos.
Nesta liña, e á espera da dotación dun Punto Laranxa Físico, o CEIP Manuel Respino habilita o “Punto Laranxa Virtual” a través da web do centro contra o acoso escolar que funciona como caixa de correo a través do cal o alumnado e familias poden comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.
O seu funcionamento é moi sinxelo, premendo na icona situada na lateral dereita da páxina que conta cunha imaxe común e uniforme para que sexa perfectamente identificada, accederase ao formulario totalmente anónimo onde poderase expresar as inquedanzas sobre posibles situacións de acoso escolar poñendo así en marcha o Protocolo educativo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar. Destacar que o anonimato constitúe un refuxio seguro á hora de denunciar, facilitando así o logro dun cambio entre todos e todas.