Chega ao Bravo Lux «Salse Party», a festa máis tola do norte de España

Chega ao Bravo Lux «Salse Party», a festa máis tola do norte de España

O mellor plan para esta ponte de decembro está na Rúa, concretamente no Bravo Lux. Tres días de auténtica loucura, cun comezo espectacular xa este 5 de decembro cos DJ Jairo Ortal e Toni Canha.

O Bravo Lux volve apostar por unha programación de escándalo para estes días, nunha semana de festivos e pontes que convida a gozar da música en directo e de grandes noites de festa nocturna.

Este martes, 5 de decembro, ábrese xa a veda cunha escusa perfecta para saír da casa: Salse Party. A festa máis tola do norte de España, con azafatas, merchandising, chupitos gratis e moitas sorpresas máis.

Pilotarán a nave desta noite espectacular os DJ Jairo Ortal e Toni Canha e a entrada terá un prezo de risa, tan só 3 euros.

Concertos

Dúas propostas para anotar na axenda e non perder os días 6 e 7 de decembro: ‘#DosEnPunto’ e “La Mosca Valiente”. Dous duetos do mellor de Galicia facendo versións que xa pasaron polo Bravo Lux, anos atrás, e nos dous casos cun gran sabor de boca. 

#Dosenpunto

Integran esta formación Hugo TorreiroCarlos Bau, dous musicazos que unen forzas e festa nun espectáculo para todos os públicos onde repasan os grandes éxitos do pop español de todas as épocas. Trátase dun proxecto no que levan traballando dende hai máis de seis anos e co que xa percorreron gran parte da xeografía galega.

Imaxinádesvos coller unha cocteleira e engadirlle Los Secretos, Nino Bravo, Estopa, Melendi, Amaral, Alaska, Hombres G e Rocío Jurado? Pois é cuestión de probalo e gozar deste combinado musical o día 6 a partir das 20:00 h.

«La Mosca Valiente»

Que caracteriza a esta formación? O que máis, é que leva ao límite o formato acústico. Dous grandes músicos, Marcos e Rodrigo, fan vibrar ao público e sorprenden cunha proposta orixinal, moi tola e fóra do común en formacións de versións. Cun repertorio ecléctico, e no que abranguen cancións de onte, hoxe e sempre, La Mosca Valiente promete festa rachada.

Aseguran non ser capaces de etiquetarse e din: “Chamámolo ‘wrestling music’ porque nun concerto podemos chegar a tocar temas de 8 ou 9 estilos diferentes”. O seu concerto será o xoves 7 ás 21:30 h.

Festa Universitaria

Pensando nos universitarios, pero non só para eles, chega outra festa nocturna o xoves 7 de decembro ás 00:30 h. Ao mando da cabina estará, neste caso o DJ Luismi. Entrada gratuita.