
Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte de nai, estará esta fin de semana de visita por estas terras con dous bolos programados nos que promete facer gozar ao público co seu proxecto Aly Alma Music de concertos en acústico.
Falamos dunha artista afincada e moi recoñecida en Cataluña –reside en Berga, Barcelona-- que pasa tamén por ser unha das mellores opcións para aqueles locais que queren ofrecer ao seu público experiencias de calidade, de música en vivo orgánica e moi elegante inspirada nas raíces da música afroamericana.
Nos seus directos traballa con cinco repertorios en diversos formatos e traballados cunha estética e conceptos moi definidos, que incluso teñen a vantaxe de poder adaptarse ao tipo de celebración: ceas-concerto, concertos, celebracións...
Para esta mini-xira que a trae á súa Quiroga de orixe, e á Rúa, Aly Alma ofrece un espectáculo no que, baixo o título “Violet Mood”, fará un tributo a artistas femininas como Tina Turner, Janis Joplin ou Amy Winehouse. O Show, como nos conta ela, estreouse o pasado mes de marzo en Barcelona coa intención de visibilizar a estas mulleres tan relevantes no panorama musical internacional.