O albergue da Rúa máis preto de abrirse que nunca
O albergue da Rúa está cada vez máis cerca de abrir as súas portas para todas aquelas persoas que se queiran acercar. Despois de moito tempo esperando, xa falta menos para que se faga realidade.
Luis Fernández Gudiña, teniente alcalde do concello, adiantaba que nos «próximos días firmaremos o convenio con AGAX para a posta en funcionamento do albergue, xa está todo listo». De feito, están as esperas de que a asociación acuda ata o Concello para poder firmar o convenio e «por en funcionamento o albergue, que é outra das demandas que tiñamos sobre a mesa e queremos darlle saída canto antes», explicaba Gudiña.
Fai case un ano comezábase a buscar unha empresa interesada na xestión destas instalacións. En aquel momento había diferentes opcións, como por exemplo sacar a concesión a concurso e que unha empresa interesada o xestionara. A outra, pasaba por unha proposta da presidenta da Asociación de Amigos del Camiño de Inverno, que propuña que fora un voluntario quen se encargara da xestión.
Desde que este novo goberno está na Rúa, «démoslle os últimos toques o albergue para que estea en condicións de ser usado polos peregrinos. Unha das cousas que nos quedaba pendente era o tipo de xestión que se ía levar a cabo. Despois de estudar varias alternativas, decidimos o convenio coa Asociación Amigos do Camiño de Santiago, que coñecen perfectamente o funcionamento destes albergues», aseguraba o teniente alcalde. Gudiña espera que esta inauguración se poda «facer antes do mes de marzo».
Recordemos que fora o Inorde quen dotara de equipamentos este establecemento. Xa que desenrolaran diferentes actuacións nos itinerarios Jacobeos oficiais da provincia, a través do proxecto europeo de cooperación Interreg V A, en materia de dotación de equipamento para albergues, sinalización, lanzamento dunha app e accións de promoción.