
A problemática das augas volve ser un dos protagonistas no equipo de goberno rués. Despois de varios meses levando a cabo distintas actuacións na zona de Santo Estevo comezan a chegar máis avances.
María G. Albert, alcaldesa da Rúa, é a encargada de desvelar os avances que se están a realizar nesta terceira semana de setembro. «Estase pondo en marcha a estación de tratamento da auga potable», asegura. Este é un sistema que permite que o líquido captado dos embalses e outras fontes superficiais e subterráneas sexan aptas para o consumo humano.
De feito, na semana pasada xa se realizaron probas para comprobar que todo funcionase correctamente. «Era preciso deixar transcorrer uns días porque o sistema de filtrado vai en base a areas de sílice», explica a alcaldesa.
Todas as probas realizadas nestas xornadas foron «correctas». Finalizadas as comprobacións, dende este 18 de setembro estase a facer a posta en marcha deste novo método. O equipo de goberno espera que sexa «un cambio significativo na calidade do abastecemento desta zona». Esta mellora esperan poder levala a diferentes zonas do concello.
Pode escoitar a entrevista completa a María G. Albert na seguinte ligazón: