A Rúa plantéxase non presentar os presupostos de 2018
Tras agradecer á alcaldía «que nos dera a información que se solicitou para o futuro pleno extraordinario», Avelino García Ferradal, voceiro do grupo popular da oposición do concello de A Rúa, tomaba a palabra no turno de rogos e preguntas do pleno ordinario celebrado onte día 9 de xullo na Rúa, e cuestionaba a razón de que o goberno local «ainda non cerrase a conta do ano pasado», para saber «si vai a haber presupostos ou non...». O alcalde, Luis Fernández Gudiña, respondía que a intención do concello foi presentalos no mes de xuño «pero non foi posible por distintas circunstancias, e a día de hoxe non me atrevo a dicirlle que si os vai a haber ou non».
Que A Rúa presente presupostos, dependerá «do procedemento de liquidación que agora estamos levando a cabo», e de non poder presentalos, xa anunciou o rexedor rués, «optaremos por mirar un pouco máis adiante e intentar facer os presupostos do 2019, sen prisa con todos os datos que necesitamos». Porque explica, non sería a mellor opción «facelos para que tan só estuveran vixentes dous meses».
Na mesma liña cuestionaba García Ferradal os datos que o concello da Rúa está a enviar a Facenda trimestralmente, «se a contabilidade non está ao día, eses datos, ¿invéntanse ou non se mandan?», preguntó. Fernández Gudiña comprometíase a darlle a información precisa solicitada no próximo pleno; aínda así aseguraba que ao seu entender, esos datos estanse enviando ao fisco regularmente.
Co rogo de que o concello da Rúa se poña ao día nos pagos a proveedores e que os contratos tamén se revisen e actualicen, García Ferradal remataba a súa intervención facendo referencia ao tema das dúas alegacións presentadas á ordenanza de terrazas. No pleno dábase conta de que tras a resolución das mesmas, o concello ten un mes de prazo no que debe votar, sin opción de pospoñer a votación no caso de vacacións dos concelleiros, polo que o alcalde comprometíase a escoller unha data que proporcione quorum da bondo.