
Hoxe vernes 13 de setembro organizan dende Abertal a primeira das xornadas de portas abertas deste mes de setembro. Será na casa da cultura da Rúa e centrarase en baile, pandeireta e acordeón. Dende as 18:00 horas para nenos e dende as 20:00 horas para adultos. Unha xornada que se repetirá o vindeiro día 20, centrada en gaita e percusión.
Unhas xornadas que teñen como obxectivo «tentar que a xente nova se achegue ao noso baile e que teñan contacto coa música tradicional», explica o presidente de Abertal, Manuel Durán, "Manolo". «Tentaremos tamén poder ter novos alumnos na nosa escola».
Agora mesmo son 80 os integrantes de devandita escola, pero este curso haberá cambios. «Hai xente que este ano deixará de participar pero imaxino, e espero, quie veñan persoas novas». Este non será a única modificación, senón que haberá un novo profesor de gaita: Diego Prieto, «de Castro Caldelas e cun grande currículo». El sustituirá a Óscar Guerra.

«Levamos 35 anos tentando manter esta escola»
Cando alguén ten unha paixón tan forte como a que ten Durán pola música tradicional, o baile e o folclore, é casi imposible abandonar. El fundou a escola de Abertal no ano 1989, e confesa que «non é fácil, sobre todo nestes últimos tempos nos que hai menos rapaces, a pandemia... só queremos mantelo».
Preguntado por se nalgún momento en todos estes anos pensou en "deixalo todo" recoñece ter momentos «de baixón, pero aínda que haxa ese cansancio sempre vale a pena. Levamos 35 anos tentando manter esta escola e esperamos que sexa así durante moitos anos».
A música tradicional, o baile, son elementos identitarios dunha cultura. En Abertal impulsan precisamente esa importancia cada día. «Para min é moi importante. Despois do idioma, da nosa lingua, é o máis esencial na cultura galega». De feito, o presidente vai máis aló: «penso que debería ser unha asignatura obrigatoria nas escolas».
No seguinte enlace de audio pode escoitar a conversa completa con Manuel Durán: