miércoles. 31.05.2023

A Xunta renova a súa 3ª resonancia magnética móbil que dá servizo a Valdeorras

Durante o ano 2021 a Resonancia Magnética Móbil fixo 4.158 estudos radiolóxicos aos pacientes nos Hospitais Públicos de Verín e Valdeorras e no transcurso deste ano xa van preto dos 3.000

somoscomarca_hpv_radiodiagnosticos_resonancia_2022-02-21 (2)
A Xunta renova a súa 3ª resonancia magnética móbil que dá servizo a Valdeorras

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución pola que adxudica á empresa General Electric Healthcare España a renovación dunha das súas tres resonancias móbiles. Este proceso pecha a aposta que realizou o Goberno galego nos últimos anos para renovar esta flota, que comezou en 2018 coa renovación dunha resonancia magnética móbil, seguiu o pasado ano coa incorporación doutra, e continúa neste exercicio, coa renovación da terceira, que vén de ser adxudicada, por un importe de 891.680 euros. 

En consecuencia, a Xunta superará os tres millóns de euros de investimento dedicado a contar con equipos punteiros neste sistema de resonancias móbiles. Así, nun prazo de cinco anos terase renovado a totalidade destes equipamentos, substituíndo equipos que contaban xa con entre 12 e 15 anos.

Grazas a estas resonancias móbiles, os pacientes galegos aforraron milleiros de quilómetros en desprazamentos, garantíndose a igualdade na asistencia a aquelas persoas que viven lonxe dos seus centros de referencia. En concreto, estes equipos atenderon o pasado ano a máis de 17.000 pacientes en toda Galicia, facendo máis de 21.000 resonancias magnéticas. 

No que respecta á Área Sanitaria de Ourense se fixeron 4.158 estudos durante o ano 2021, cun total de 2.340 estudos no Hospital Público de Verín e 1.818 no Hospital Público de Valdeorras. No que vai de ano 2022 xa foron realizados 1.488 estudos radiolóxicos no Hospital de Verín e 1.464 no de Valdeorras.

Os novos equipos, de última xeración, supoñen tamén unha maior flexibilidade e comodidade para os pacientes. En concreto, as melloras do novo equipo móbil incorporan vantaxes en aspectos de confort para o paciente, con dúas cabinas vestiario, así como unha maior amplitude do habitáculo onde se adquiren as imaxes, e un diámetro de imaxe de 70 cms, 10 máis que o anterior.

Desde o punto de vista tecnolóxico, estas unidades móbiles levan instalados equipos de resonancia magnética de alto campo, dos máis avanzados que existen actualmente en Galicia, con capacidade para realizar todas as exploracións posibles, desde as máis sinxelas ata as de maior complexidade, coa máxima calidade diagnóstica.

Outras melloras que se achegan no novo equipo móbil son unha resonancia de campo alto, incluíndo os últimos avances nesta especialidade diagnóstica. Permite, ademais, adquirir imaxes de Resonancia Magnética sen desprazar aos pacientes grazas á telerradioloxía. Xunto ao anterior, mellóranse os tempos e a calidade dos informes; evítase a repetición de probas ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo; e, así mesmo, posibilítase a colaboración e formación en rede dos radiólogos implicados.
 

A Xunta renova a súa 3ª resonancia magnética móbil que dá servizo a Valdeorras