sábado. 26.11.2022

A Xunta amplia ás axudas de adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes

Increméntanse os fondos destinados a subvencionar a adquisición en concellos de menos de 10.000 habitantes e en centros históricos. Esta ampliación de financiamento non implica a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes

 A Xunta de Galicia incrementa en 777.206,60 euros os fondos destinados ás axudas de adquisición de vivenda en centros históricos e en concellos de menos de 10.000 habitantes co obxectivo de atender o maior número posible de solicitudes.

A Xunta leva a cabo esta ampliación de financiamento logo de comprobar, unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes en ambas as dúas liñas, que o número de peticións presentadas e susceptibles de obter a axuda supera o importe do crédito orzamentario previsto inicialmente na convocatoria.

Deste xeito, a orde de subvencións destinada a adquisición de vivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes, convocada o pasado mes de agosto, terá unha dotación de 3.177.206,60 euros, tras ampliarse en 627.206,60 euros a contía inicial de 2.550.000 euros.

Polo que respecta ás subvencións para compra en centros históricos, que se convocaron en xaneiro pasado cunha dotación de 500.000 euros, incrementan a súa contía en 150.000 euros ata acadar os 650.000 euros de orzamento total.

Esta ampliación de financiamento non implica a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes, senón que se atenderán aquelas xa recibidas nos períodos correspondentes a cadansúa convocatoria.

Cómpre lembrar que ambas liñas de axudas se financian exclusivamente con fondos propios da comunidade autónoma.

A Xunta amplia ás axudas de adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000...