domingo. 08.06.2025

Pedro Yáñez encabezará a lista do PP por Manzaneda

Cara nova e xove na agrupación popular de Manzaneda que chega co propósito de «sentar as bases para crear un concello próspero»

Pedro Yáñez Salgado será o novo cabeza de lista da candidatura que o Partido Popular presentará en Manzaneda, ás eleccións locais de maio. Así confirmábase oficialmente na xornada do luns 18 de marzo.

Dende o partido preséntano como unha xove promesa - o candidato conta con 35 anos - que xurde dun «movemento de xente nova que quere situar a Manzaneda onde se merece». O propósito, segundo conta o presidente do partido provincial, é «sentar as bases para crear un concello próspero, lonxe da indiferenza do goberno actual».

Conta Pedro Yáñez que decidiu dar este paso «polo apego a miña terra e porque quero unha Manzaneda para todos» onde todas as ideas caben. A súa declaración de intencións é unha resposta «ao máis absoluto abandono que estamos a sufrir por parte dos dirixentes municipais, que nestes catro anos mesmo nin chegaron a facer obras nalgúns pobos do concello». Yáñez amósase moi crítico coa xestión do goberno local, que cualifica de «inexplicable, cando temos un orzamento de preto de dous millóns de euros que non se reflicten para nada na vida diaria dos veciños, nin tan sequera nalgúns pobos onde non fixo ninguna obra neste tempo».

Máis preocupación ten pola falta de apoio ao rural, «por moito que este goberno diga que son os seus grandes defensores». Nos concellos da contorna, conta, «estamos a ver cómo se puxeron en marcha varias explotacións gandeiras, pero en Manzaneda non porque non se apoia o sector primario». Insiste o candidato nesta cuestión ao subliñar que «somos o único concello que ten 4.000 hectáreas de monte comunal sen aproveitar e mal coidados».

O candidato á alcaldía de Manzaneda plantexa cuestións urxentes coma «poñer en valor moitos terreos, axudar á creación de novas explotacións, prestar o máximo apoio ao campo ou potenciar os productos da zona». Non obstante, entre as prioridades segue a citar unha antiga reivindicación como é a mellora dos accesos, «fundamentais para calquera proxecto que queramos desenvolver». Refírese en particular á estrada de Viana do Bolo a Trives, «única vía de comunicación que temos para conectar coa comarca».

O proxecto de Pedro Yáñez fala tamén de turismo «xa que tamén nós temos que saber aproveitar o tirón da estación de Montaña á que lle damos o nome». Resúltalle incomprensible que «haxa máis infraestrutura e servizos en concellos máis alonxados da estación, polo que compre favorecer á iniciativa privada e dende o Concello facer unha oferta atractiva para os visitantes».

Dende a dirección provincial, Manuel Baltar amosou a súa satisfacción por contar no proxecto popular «cunha persona nova, que non deixa de demostrar que cre en Manzaneda e que gracias á súa formación, especializado no sector primario, coñece ben o potencial do concello neste ámbito, como tamen no turismo e a necesidade de aproveitar as vantaxes da estación de montaña». Recoñede o presidente como fundamental a mellora das comunicacións, afirmando que o candidato contará con todo o apoio para conseguir avanzar nesta cuestión.

Pedro Yáñez encabezará a lista do PP por Manzaneda