domingo. 28.06.2026

Ourense lidera o voluntariado de Protección Civil en Galicia con 75 agrupacións e máis de 1.200 voluntarios

Máis de 350 integrantes de 54 agrupacións participaron en Baños de Molgas na X Xornada de Convivencia, onde Deputación e Xunta reafirmaron o seu compromiso con estes colectivos
somoscomarca_proteccioncivil1953

A provincia de Ourense continúa a ser o gran referente do voluntariado de Protección Civil en Galicia. Cun total de 75 agrupacións e 1.231 voluntarios, iguala en número de colectivos á provincia da Coruña, a pesar da importante diferenza de poboación entre ambos territorios, converténdose nun exemplo da implicación solidaria que caracteriza ao rural ourensán.

Este foi un dos principais datos que se puxeron de manifesto durante a celebración da X Xornada de Convivencia das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, celebrada no Santuario da Nosa Señora dos Milagres, en Baños de Molgas, e que reuniu a máis de 350 participantes pertencentes a 54 agrupacións chegadas de distintos puntos de Galicia.

Na inauguración participaron o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Fernández Movilla; e o presidente das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense, Clemente Pérez.

somoscomarca_proteccioncivil1957

Durante a súa intervención, Luis Menor reivindicou o papel do voluntariado como «o mellor reflexo do espírito solidario da veciñanza ourensá», agradecendo o «labor impagable» das máis de 1.200 persoas voluntarias que forman parte das agrupacións da provincia.

«Onde hai unha necesidade no noso rural, alí nace unha agrupación de homes e mulleres dispostos a dar un paso adiante a prol da seguridade do territorio», destacou o presidente provincial, quen subliñou a especial importancia deste labor nunha provincia marcada pola dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación.

Menor lembrou tamén que Galicia conta con 237 agrupacións e preto de 4.500 voluntarios, que constitúen un apoio esencial para os servizos profesionais de emerxencias, tanto na resposta ante episodios meteorolóxicos adversos como na organización de eventos ou na atención á cidadanía.

Pola súa banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, incidiu na entrega e compromiso dos voluntarios, aos que definiu como «un exemplo constante de solidariedade» por dedicar de maneira altruísta o seu tempo á protección da veciñanza.

Villanueva destacou tamén o apoio que a Xunta mantén con estes colectivos. Nos últimos anos destinou preto de 16 millóns de euros en toda Galicia para mellorar o seu equipamento mediante a entrega de preto de 1.600 dotacións, entre vehículos, embarcacións, equipos de excarceración e diverso material operativo.

Dese investimento, máis de 4,9 millóns de euros corresponderon á provincia de Ourense, a que maior volume de recursos recibiu da comunidade autónoma.

A maiores, o Goberno galego mantén unha liña anual de apoio ao funcionamento das agrupacións que este ano alcanza os 370.000 euros. Só na provincia de Ourense beneficiáronse dela 69 agrupacións, cun financiamento próximo aos 135.000 euros.

A formación constitúe outro dos piares fundamentais deste apoio institucional. Durante o primeiro semestre deste ano, máis de 4.300 profesionais e voluntarios dos servizos de emerxencias participaron nas 126 accións formativas organizadas pola Academia Galega de Seguridade Pública, destinadas a reforzar a preparación dos efectivos de Protección Civil, GES, servizos municipais, axentes ambientais e persoal de socorrismo.

A xornada de convivencia serviu tamén para favorecer o intercambio de experiencias entre agrupacións e continuar fortalecendo a coordinación entre uns colectivos que, na maioría das emerxencias, son os primeiros en chegar ao lugar dos feitos e os últimos en marchar.

Un traballo silencioso, desinteresado e imprescindible que converte ao voluntariado de Protección Civil nun dos grandes piares da seguridade e da protección cidadá en Galicia.

Tu prueba Premium ha finalizado

Ourense lidera o voluntariado de Protección Civil en Galicia con 75 agrupacións e máis...