viernes. 19.04.2024

Concretamente son 4, 2 de Ourense e outros 2 de Lugo, entre o que se encontran os embalses do Cenza e As Portas, imporáse a sanción máxima

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incoou expediente sancionador fronte as empresas concesionarias que levaron a cabo o baleirado de catro embalses das provincias de Ourense e Lugo, todos eles competencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

En concreto, a Consellería impón ás entidades a sanción máxima prevista na lei por cada un dos encoros nos que as entidades efectuaron o baleirado susceptible de afectar á fauna piscícola: Cenza, As Portas, Salas e Belesar, tendo en conta que realizaron o desaugue sen que o servizo provincial correspondente puidera fixar as medidas preventivas oportunas e, polo tanto, sen agardar polo pronunciamento da Administración autonómica.

A Consellería de Medio Ambiente, como organismo competente en materia de protección da riqueza piscícola en Galicia, adopta esta decisión pola falta da autorización necesaria para protexer á poboación ictícola ante un posible baleirado.

Esto correspondelle ao organismo competente en aproveitamentos hidráulicos en cada demarcación, neste caso a Confederación, notificarlle á Consellería que se quere efectuar un baleirado nunha presa para que esta informe sobre as medidas que se deben adoptar previamente, co fin de garantir que a súa execución non prexudicará ás poboacións existentes nesa masa de auga.

En contra do procedemento legalmente establecido e coñecido tanto polas concesionarias como pola CHMS, este verán alterouse o nivel de auga encorada nalgúns dos principais encoros hidroeléctricos do Miño-Sil sen que a Confederación Hidrográfica o notificara antes á Consellería de Medio Ambiente.

O obxectivo principal da Xunta de Galicia nestes momentos, como xa se vén sinalando nas últimas semanas, é depurar responsabilidades polo baleirado realizado sen autorización en varios encoros da conca Miño-Sil, uns feitos, en todo caso, non imputables de ningún xeito á acción do Goberno galego.

Medio Ambiente incoa un expediente sancionador polo baleirado dos encoros