Os incendios de Chandrexa, Larouco, Casaio e Quiroga seguen activos e concentran a maior superficie queimada en Galicia

Os incendios de Chandrexa, Larouco, Casaio e Quiroga seguen activos e concentran a maior superficie queimada en Galicia
Actualización dos datos dos lumes que arrasan Valdeorras e a súa vcontorna

Cando aínda se loita contra as consecuencias devastadoras do lume en Valdeorras e Quiroga, Ourense continúa a ser o epicentro dos grandes incendios forestais en Galicia. A Consellería do Medio Rural informou este sábado pola mañá que permanecen activos os focos de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, o de Larouco-Seadur e o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, que no seu conxunto superan as 52.000 hectáreas calcinadas.

Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso: 19.000 hectáreas

O incendio que comezou o 8 de agosto en Requeixo e se estendeu días despois por Parafita e Mormentelos afecta xa arredor de 19.000 hectáreas, tamén nos concellos de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.

Os focos de Requeixo e Parafita están estabilizados, mentres que o de Mormentelos (Vilariño de Conso) segue activo, aínda que a evolución é favorable. Na zona traballan máis de 200 brigadas, 113 motobombas, 32 helicópteros e 29 avións, ademais da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Larouco-Seadur: máis de 30.000 hectáreas

O lume declarado o 13 de agosto en Seadur continúa activo e é o de maior dimensión en Galicia, con arredor de 30.000 hectáreas arrasadas. Afecta a unha ampla franxa de municipios: Larouco, Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.

O operativo despregado é masivo: 311 brigadas, 216 motobombas, 15 avións e 14 helicópteros, con apoio da UME.

Carballeda de Valdeorras-Casaio: 3.000 hectáreas

Desde o luns pola tarde arde tamén o monte de Casaio, nun incendio que entrou en Galicia desde Castela e León. A superficie afectada elévase xa a 3.000 hectáreas.

Na súa extinción participan 47 brigadas, 22 motobombas, 10 avións e 11 helicópteros, ademais de técnicos e axentes ambientais.

Outros focos

Tamén permanece activo o incendio do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, cunha estimación provisional de 50 hectáreas.

En canto aos lumes de Chandrexa de Queixa, a Consellería confirmou a estabilización dos focos de Requeixo e Parafita, aínda que se mantén a situación 2 a nivel provincial en Ourense para garantir máis recursos e coordinación.

Sen desaloxos nin confinamentos

Segundo Medio Rural, nas últimas horas non se produciron evacuacións nin confinamentos de poboación. Mantéñense activados os protocolos de protección cidadá e reitérase o chamamento á colaboración veciñal a través do 085 e do teléfono anónimo 900 815 085 para comunicar calquera indicio de actividade incendiaria.

Preocupación polo vertedoiro da Rúa

O vertedoiro de residuos de Autoneum preocupa, e moito, á veciñanza da Rúa, Larouco e Petín. O fume que non deixa de saír desde a pasada semana fai o aire irrespirable, segundo cambie a dirección do vento.

O cheiro a goma —no vertedoiro acumúlanse restos de moqueta desbotados tras a fabricación de pezas que logo se envían cara a Vigo— obriga a manter pechadas as fiestras e portas día e noite. Ademais, recoméndase o uso de máscara.

Balance

En total, os grandes incendios de Ourense e Lugo superan xa as 52.000 hectáreas arrasadas, co despregamento de centos de brigadistas, motobombas e medios aéreos, así como a presenza da UME nas zonas máis críticas.