
O presidente provincial, Luis Menor, e a presidenta do GDR Valdeorras, María del Carmen González, mantiveron unha reunión no Pazo Provincial para coordinar a asistencia técnica e administrativa que achegará a Deputación para executar os 1,5 millóns de euros obtidos de fondos europeo.
O destino destes fondos europeos que achega a Deputación seran para o Plan de Sustentabilidade Turística "Valdeorras ruta do viño milenaria", proxecto que se enmarca no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneratioEU.
O plan permitirá un aproveitamento turístico sustentable e a posta en valor do patrimonio natural e cultural da comarca, incluíndo 17 actuacións enmarcadas nos catro eixes —transición verde e sustentable, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade— que serán executadas no período 2023-2025.
Este Plan potenciará o enoturismo, ademais do patrimonio natural e cultural da zona oriental da provincia, coa mellora da xestión de uso público de diferentes puntos de interese, facilitando un aproveitamento turístico sustentable.
"Valdeorras ruta do viño milenaria" é un dos proxectos beneficiarios da II Convocatoria extraordinaria do programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino 2022, financiado integramente con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Trala reunión, Luis Menor destacou que a Deputación amosa, unha vez máis, "ser unha ferramenta eficaz no ámbito da cooperación cos concellos", desta volta facilitando a tramitación dun investimento de máximo interese que, ademais, "entronca cunha das liñas estratéxicas deste goberno provincial como é turismo, vinculado a un sector vitivinícola en auxe".