sábado. 27.12.2025

A Deputación de Ourense pecha o Plan Provincial de Lectura 2025 cun balance moi positivo

A campaña permitiu mobilizar máis de 281.000 euros en bonos canxeados, implicou a preto de 37.000 menores e beneficiou á totalidade das librarías participantes na provincia

somoscomarca_malecon_feiradolibro_francisconarla (2)

A Deputación de Ourense vén de pechar a campaña 2025 do Plan Provincial de Lectura cun balance moi satisfactorio, tanto polo seu impacto económico como pola elevada participación rexistrada entre a poboación infantil e xuvenil da provincia. A iniciativa, orientada ao fomento do hábito lector e ao apoio ao comercio cultural de proximidade, consolídase así como unha das accións de referencia no ámbito cultural provincial.

Ao longo da campaña estiveron volcados no sistema un total de 36.800 menores censados en Ourense, o que deu lugar á xeración de 18.743 bonos para a adquisición de libros. Deste total, 15.963 bonos foron finalmente canxeados, mentres que 2.711 quedaron sen utilizar. Durante o desenvolvemento do programa rexistráronse 1.717 incidencias, que foron atendidas e resoltas de maneira satisfactoria.

Desde o punto de vista económico, o Plan Provincial de Lectura 2025 acadou unha facturación total de 281.115,05 euros en bonos canxeados, quedando un importe restante de 68.884,95 euros. Estes datos amosan un alto grao de execución do programa e confirman a boa acollida da iniciativa tanto por parte das familias como do sector libreiro.

Un dos aspectos máis destacados desta edición é o seu impacto territorial, xa que o 100 % das librarías participantes lograron canxear bonos. En total, tomaron parte na campaña 57 librarías pertencentes a 14 municipios da provincia, o que reforza o papel destes establecementos como axentes culturais de proximidade e dinamizadores da vida cultural local.

Desde a Deputación de Ourense valórase moi positivamente o desenvolvemento desta edición do Plan Provincial de Lectura, que volve demostrar a súa eficacia como ferramenta para impulsar o hábito lector entre a infancia e a mocidade, ao tempo que contribúe a fortalecer o tecido cultural e comercial da provincia.

O peche da campaña 2025 deixa así un balance que avala a continuidade desta iniciativa, consolidando ás librarías como espazos clave de acceso á cultura e á lectura e reafirmando o compromiso institucional co fomento dos libros e do coñecemento desde as primeiras idades.

A Deputación de Ourense pecha o Plan Provincial de Lectura 2025 cun balance moi positivo