lunes. 22.12.2025

Eladio Santos chama á máxima prudencia nas estradas durante o Nadal ante os 314.000 desprazamentos previstos en Ourense

O subdelegado do Goberno advirte de que a coincidencia de máis tráfico, menos horas de luz e meteoroloxía adversa obriga a extremar a precaución, especialmente na primeira fase da Operación Especial de Tráfico Nadal 2025-26
somoscomarca_peñatrevinca_ou122_nieve_casaio_cochejpeg (1)

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, instou hoxe á cidadanía a manter a máxima prudencia nas estradas durante as próximas datas do Nadal, período no que a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) prevé ata 314.000 desprazamentos na provincia. Fíxoo no marco da Operación Especial de Tráfico Nadal 2025-26, que comezou o pasado 19 de decembro e se estenderá ata a medianoite do martes 6 de xaneiro.

Coincidindo co inicio da primeira fase da operación e cos avisos por posibles nevadas, especialmente nas estradas A-52 e N-525, Eladio Santos subliñou a importancia de extremar a atención ao volante. «Nestas datas xúntanse circunstancias que dificultan a condución como as escasas horas de luz, o incremento do tráfico e as condicións meteorolóxicas adversas, polo que é fundamental moderar a velocidade, empregar o cinto e o casco e non consumir alcohol nin drogas antes de conducir», destacou o subdelegado do Goberno.

Segundo as previsións da DGT, a Primeira Fase da operación, comprendida entre o 19 e o 25 de decembro, será a que concentre un maior número de movementos, con arredor de 120.000 desprazamentos na provincia. A Segunda Fase, do 26 de decembro ao 1 de xaneiro, rexistrará máis de 109.000 desprazamentos, mentres que a Terceira e última fase, do 2 ao 6 de xaneiro, contará con uns 77.000 movementos previstos. Estes datos foron elaborados polo Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste e Cantábrico, responsable da coordinación viaria desde Galicia ata Cantabria.

somoscomarca_peñatrevinca_ou122_nieve_casaio_cochejpeg (2)
Nevarada esta mañá en Fonte da Cova (Casaio)

A estes desprazamentos de longo percorrido hai que engadir milleiros de movementos curtos diarios, motivados por actividades de lecer ou polo crecente turismo asociado ás iluminacións e decoracións de Nadal.

Eladio Santos tamén recomendou evitar, na medida do posible, as viaxes en horarios desfavorables e moi desfavorables. Así, segundo a DGT, os venres 26 de decembro e 2 de xaneiro o tramo máis problemático sitúase entre as 18:00 e as 21:00 horas, mentres que os sábados se desaconsella circular entre as 9:00 e as 14:00 horas. Ademais, os días 25 e 28 de decembro e o 6 de xaneiro, o horario máis desfavorable estará comprendido entre as 19:00 e as 21:00 horas.

O subdelegado do Goberno apelou finalmente á responsabilidade individual como clave para garantir unhas festas seguras, lembrando que «a prudencia ao volante é esencial para evitar accidentes e asegurar que o Nadal remate sen vítimas nas estradas».

Eladio Santos chama á máxima prudencia nas estradas durante o Nadal ante os 314.000...