
A cidade da Coruña converterase mañá no epicentro da gastronomía valdeorresa coa celebración da décima edición da Festa do Botelo do Barco, organizada polo Concello do Barco de Valdeorras. O evento, que terá lugar no Hotel Finisterre, combinará gastronomía tradicional, enoloxía e música en directo nunha cita que busca poñer en valor os produtos máis emblemáticos da comarca.
A xornada comezará ás 13:00 horas coa entrega de acreditacións e a apertura do Túnel do Viño, unha experiencia enolóxica na que dous expertos sumilleres do equipo de Luis Paadín guiarán aos asistentes na cata de máis de 30 referencias de viños da Denominación de Orixe Valdeorras. Esta actividade conta coa colaboración do Consello Regulador da D.O. Valdeorras e pretende destacar a calidade e o potencial dos viños godello e mencía.
Ás 14:00 horas abriranse as portas do comedor e, media hora despois, comezará o xantar, cun menú baseado na tradición culinaria da comarca que incluirá como entrantes empanada de maravallas e sopa de cocido, seguido do prato principal composto por botelo acompañado de chourizos, cachelos e repolo, rematando cunha sobremesa de bica servida con café e unha selección de licores de Valdeorras, todo maridado con viños da denominación de orixe, reafirmando así o seu protagonismo na gastronomía galega.
A partir das 16:45 horas, a celebración continuará cunha actuación musical en directo no propio restaurante, dándolle un ambiente festivo a unha xornada que busca non só a exaltación do botelo, senón tamén a promoción da cultura e as tradicións da comarca.
O prezo para participar nesta edición da Festa do Botelo na Coruña é de 55 euros por persoa, incluíndo tanto o Túnel do Viño como o xantar, e para aqueles que non poidan asistir haberá unha última oportunidade de desfrutar desta celebración o próximo 8 de marzo, cando terá lugar a Festa do Botelo do Barco en Vigo, no Hotel Coia.